Nova: A Xunta contribúe a poñer en valor o patrimonio e consolidar a oferta turística de Cerdedo-Cotobade co novo centro cultural e turístico Antonio Fraguas
05/03/2022
A Xunta contribúe a poñer en valor o patrimonio e consolidar a oferta turística de Cerdedo-Cotobade co novo centro cultural e turístico Antonio Fraguas
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inauguraron a reforma e restauración do antigo cine-baile da parroquia de Carballedo, unha obra na que a Xunta investiu 350.000 euros
Cerdedo-Cotobade recibiu nos últimos anos do Goberno galego máis de 125.000 euros para recursos turísticos, ademais de 700.000 nas diferentes liñas de axudas coas Administracións locais
Como referente na fusión de concellos, Cerdedo-Cotobade beneficiouse de máis de 7,3M€ do fondo especial habilitado pola Xunta a tal fin
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 5 de marzo de 2022.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inauguraron hoxe o centro cultural e turístico Antonio Fraguas, no que o Goberno galego investiu 350.000 euros para poñer en valor o patrimonio do municipio e consolidar a súa oferta turística.
Alfonso Rueda recordou que este novo servizo vén a cubrir unha demanda dos veciños da parroquia de Carballedo que precisaban dun local en condicións para as súas actividades, ao tempo que incrementa os atractivos turísticos do concello coa posta en valor dun elemento patrimonial arraigado na memoria veciñal, xa que se trata da restauración do antigo cine-baile, recuperado para novos usos e que levará o nome dun dos veciños máis ilustres do municipio, o historiador, xeógrafo e etnógrafo Antonio Fraguas, ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2019.
Para a recuperación do edificio, Turismo de Galicia achegou 350.000 euros que permitiron actuar en 500 metros cadrados co obxectivo de crear na planta baixa un aula para recepcións e exposicións e, no primeiro andar, unha ampla sala de usos múltiples para conferencias, proxeccións ou pequenos concertos. O proceso de restauración incluíu a mellora da iluminación, ventilación e illamento, así como o levantamento da cuberta para un segundo andar.
No eido turístico, Cerdedo-Cotobade beneficiouse nos últimos anos de máis de 125.000 euros das convocatorias de axudas para sinalización turística e para a liña dirixida ás infraestruturas turística dos concellos de menos de 10.000 habitantes, o que permitiu recuperar a contorna da Freixa. Alfonso Rueda recordou que a convocatoria deste ano permanece aberta ata o 17 deste mes, polo que animou aos concellos a presentar as súas propostas e beneficiarse desta iniciativa incluída no Plan Camiña e á que a Xunta destina este ano un millón de euros, coincidindo co Xacobeo.
Por outra banda, Cerdedo-Cotobade recibiu nos últimos anos máis de 700.000 euros das liñas de axudas do Goberno galego para a mellora das infraestruturas e servizos municipais destinadas ás entidades locais e actuacións medioambientais, o que facilitou emprender melloras na casa consistorial, no alumeado público ou no saneamento.
O vicepresidente primeiro, ademais, puxo ao concello como exemplo na optimización dos recursos públicos ao ser pioneiro no proceso de fusión de municipios que impulsa o Goberno galego, o que lle permitiu recibir máis de 7,3 millóns do fondo especial de fusión, ao que a Xunta destinou máis de 10,5 millóns nos últimos anos e que redundaron na mellora da calidade de vida da veciñanza dos concellos que de xeito voluntario optaron por fusionarse. Rueda recordou que o Goberno autonómico segue a impulsar os servizos compartidos con 1,5 millóns de euros este ano para incentivar ditos procesos. No ano pasado, 900.000 corresponderon a Cerdedo-Cotobade e 600.000 a Oza-Cesuras.