Nova: Novas actuacións de conservación na catedral de Tui

16/02/2015

Novas actuacións de conservación na catedral de Tui

As obras constitúen un reforzo do efecto de chamada da Catedral tudense, situada no ámbito do Camiño Portugués e moi preto do país luso

Tui (Pontevedra), 16 de febreiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, visitou hoxe a catedral de Tui, onde comprobou o resultado das obras de restauración realizadas nos últimos meses no templo, cun orzamento que ascende a 186.491,45 €; e explicou que o seu departamento ten previsto realizar novas actuacións para consolidar un investimento total de preto de 1 millón de euros neste conxunto catedralicio nos últimos anos. Unhas intervencións que cualificou como un impulso ao atractivo dun dos monumentos máis senlleiros da arquitectura relixiosa da nosa terra e fóra dela, ao contar cun dos primeiros conxuntos góticos da Península Ibérica.

O seu valor artístico como xoia da arte medieval galega, a súa situación, no ámbito do Camiño Portugués a Santiago e preto do país luso, así como as vistas das que se pode gozar desde as cubertas do templo, fan desta catedral un importante atractivo para os visitantes, que se ve reforzado polas actuacións de conservación desenvolvidas desde a Xunta de Galicia. Neste sentido, o conselleiro lembrou ademais que o seu departamento ten previsto realizar novas actuacións nas cubertas e que, ademais, xa enviou ao Ministerio de Fomento o proxecto das obras no conxunto catedralicio dirixidas a acondicionar dependencias para o seu uso cultural, co fin de engadirlle un novo uso dinamizador a este espazo.

Durante a visita acompañaron ao conselleiro o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; o delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o coengo Ricardo García.

Os traballos realizados nos últimos meses tiveron como obxectivo o tratamento das fábricas pétreas da Torre de San Andrés, Campanario e Salón do Trono e a protección do arquivo catedralicio. Así mesmo substituíronse algunhas carpinterías, revisáronse os canlóns e enchumbados da zona norte do Conxunto catedralicio, e realizáronse estudos dos movementos estruturais e das pinturas murais da Sala Capitular Gótica. Previamente, no ano 2013, a Consellería realizara xa diversas actuacións de limpeza e impermeabilización e retellado nas cubertas das torres da catedral, da Sala Capitular, do Pazo da Contadoría, do presbiterio e capela de San Telmo, do Triforio norte e do Transepto norte.

Entre as tarefas previstas para o futuro o conselleiro sinalou a de completar a restauración da cuberta da catedral, o saneamento das xuntas da fábrica mediante a limpeza e retirada de morteiros de cemento e substitución dos mesmos por morteiros de cal, a reparación das reixas e o saneamento do pavimento, e a reparación ou substitución das carpinterías de madeira, segundo o seu estado de conservación.
 

Comparte