Nova: O Centro Dramático Galego encara os ensaios finais da súa nova produción ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’ para a súa estrea o 14 de abril
21/03/2022
O Centro Dramático Galego encara os ensaios finais da súa nova produción ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’ para a súa estrea o 14 de abril
O director da Agadic, Jacobo Sutil, mantivo un encontro no Salón Teatro de Santiago con Marta Pazos, responsable da dirección e da dramaturxia
O espectáculo producido pola unidade teatral da Xunta estará sobre as táboas só un mes despois da despedida de ‘A peste’, que foi vista por preto de 4000 persoas ao longo de 29 funcións
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022.- O escenario do Salón Teatro de Santiago acolle desde hoxe os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Ás oito da tarde, cando morren as nais. Con este motivo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo un encontro con Marta Pazos, directora e dramaturga, e con demais membros do equipo da peza que está a preparar a unidade teatral da Xunta para a súa estrea no espazo compostelán o 14 de abril, onde permanecerá ata o 1 de maio. As entradas están xa á venda na web ataquilla.com.
A partir da peza orixinal de AveLina Pérez (galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018) e cun elenco composto por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado, o espectáculo ofrece un canto coral sustentado no baleiro, un xogo irónico sobre a relación entre o teatro e a súa recepción.
A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.
Nova proposta teatral tras o éxito de ‘A peste’
Ás oito da tarde, cando morren as nais estrearase só un mes despois da despedida da primeira produción do ano do Centro Dramático Galego A peste, que pechou o seu calendario de funcións o pasado 13 de marzo.
Con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, e 15 intérpretes de ampla traxectoria sobre o escenario, A peste estivo en cartel no Salón Teatro con 29 sesións, que foron vistas por preto de 4000 persoas de toda Galicia. Boa parte do público que asistiu fíxoo a través do programa de mobilidade impulsado pola unidade de produción teatral da Xunta, coa contratación de autobuses para que a cidadanía de todo o territorio galego puidese gozar da montaxe concibida para ser representada exclusivamente no Salón Teatro de Santiago. Preto de vinte concellos, centros de ensino e outras entidades sumáronse á iniciativa.
Por outra banda, A peste marcou a posta en marcha do sistema de teatro inclusivo deseñado polo CDG, que adapta a totalidade dos seus espectáculos ás necesidades do público con discapacidades auditivas ou visuais. Así, as funcións incluíron interpretación de signos, audiodescricións e subtítulos para facilitarlles ás persoas que precisen destes servizos a asistencia a calquera sesión. Este sistema estará tamén dispoñible nas representacións de Ás oito da tarde, cando morren as nais a partir da segunda semana en cartel.