Nova: A Xunta inscribe no rexistro BIC de Galicia un hórreo situado no lugar de Covás, en Lalín, o que supón recoñecer a súa máxima protección patrimonial

22/03/2022

A Xunta inscribe no rexistro BIC de Galicia un hórreo situado no lugar de Covás, en Lalín, o que supón recoñecer a súa máxima protección patrimonial

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá resposta á solicitude dun particular que constatou que a súa construción é anterior ao ano 1901

O Goberno autonómico recoñece deste xeito o seu réxime de salvagarda, ao cumprir cos criterios fixados na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de inscribir un hórreo situado no lugar de Covás, na parroquia Santiago de Catasós do Concello de Lalín, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) como ben inmoble na categoría de monumento. Este paso supón recoñecer o máximo réxime de protección patrimonial para este ben.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución, coa que o Goberno autonómico dá resposta a unha solicitude realizada en setembro de 2021 por parte dun particular. Cómpre aclarar que os hórreos galegos teñen xa unha consideración especial na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia polo seu carácter etnolóxico e no caso de que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901 son considerados bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto.

Na documentación achegada pola persoa solicitante consta que a construción deste hórreo realizouse con anterioridade a 1901 e, ademais, segundo se recolle no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, as súas características formais e construtivas axústanse de forma suficiente á tipoloxía tradicional dos hórreos galegos, mantendo na mesma forma a antigüidade, integridade e autenticidade que xustifica a súa protección como un ben coa consideración de Ben de Interese Cultural.

Por este motivo autorizouse que este ben se anote no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, o que supón recoñecer a súa máxima protección patrimonial. Tamén se comunicará á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para a súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Mantén os usos tradicionais

O hórreo esta situado no lugar de Covás, na parroquia de Santiago de Catasós de Lalín. É de pedra e madeira do estilo Mahía composto por catro claros, o que lle proporciona á planta rectangular da cámara unha dimensión lonxitudinal que facilita unha boa circulación do aire. A construción apóiase en cinco cepas de pedra dispostas transversalmente á dimensión lonxitudinal do hórreo cos seus correspondentes tornarratos de tipo mesa tamén no mesmo material, que marcan o límite dos claros e serven de apoio aos linteis, columnas e penais, que son de pedra.

Como se indica no expediente, o estado xeral de conservación do hórreo presenta algunhas deficiencias nas madeiras dos claros e na cuberta derivadas nun proceso de degradación material e estrutural producido co paso do tempo. Mantén o uso de carácter tradicional asociado ás necesidades domésticas da casa á que pertence, tanto de almacenamento como de conservación da colleita.
 

Comparte