Nova: O talento audiovisual galego recibe unha nova inxección de preto de 200.000 euros en axudas da Xunta
23/03/2022
O talento audiovisual galego recibe unha nova inxección de preto de 200.000 euros en axudas da Xunta
O DOG publica a convocatoria de subvencións para impulsar 19 proxectos: oito curtametraxes, seis guións, tres longas de dirección novel e dúas webseries
Buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria audiovisual galega
O 22 de abril remata o prazo de solicitude para esta liña de apoio, pioneira no seu ámbito a nivel estatal
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022.- A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a súa convocatoria anual de axudas á creación audiovisual para a promoción do talento galego, que manteñen a dotación de 194.000 euros para distribuír entre 19 novos proxectos. Oito deles serán curtametraxes, tanto na súa fase de realización como de posprodución, ao tempo que tamén se apoiará a escrita de seis guións e a produción de tres longametraxes de dirección novel e de dúas webseries.
Estas subvencións autonómicas ao talento, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama español, buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria audiovisual galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a normalización lingüística.
A través deste fondo, resérvanse 30.000 euros para seis proxectos de guión en galego para longas de cine (modalidade A), 36.000 euros para a produción de seis curtametraxes sobre proxecto (modalidade B1), 8.000 euros para dúas curtas en construción que realicen a súa posprodución en Galicia (modalidade B2), 90.000 para tres longametraxes cinematográficas de especial valor artístico e asinadas por realizadores noveis (modalidade C), e 30.000 para proxectos de webserie cun mínimo de tres capítulos (modalidade D). En todos os casos, a versión orixinal deberá ser en galego.
Entre as adxudicatarias de 2021, atopábanse tres propostas de directores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de longa duración (A unidade componse da desorde, de Álvaro Liste; Ödland, de Otto Roca, e Aurora, de Area Erina), así como oito curtametraxes asinadas por Adrián Canoura, Dani Viqueira, Ana Domínguez, Santiago D. Risco, Laura Cotelo Bouzas, Aldara Pagán, Adriana Páramo e Diego R. Aballe.
Apoiáronse, así mesmo, seis proxectos de guión presentados por Helena Girón, Sara Traba, Berio Molina, Daniel D. García, Irene Pin Basanta e David Alonso González, ademais das webseries A arte de ser (mal) pai e a segunda temporada de Amnesia 3.0.
Programa de fomento e Hub Audiovisual
Esta convocatoria de 2022, para a que se recibirán solicitudes ata o 22 de abril, insírese no programa anual de fomento do sector que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e no marco da que tamén se apoian outras fases do proceso audiovisual con subvencións á produción e coprodución, ao desenvolvemento previo dos proxectos e á súa difusión e comercialización exterior, ademais de á organización de festivais galegos.
Durante o período 2021-2023, este plan de axudas compleméntase coas diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, de xeito que en 2022 as convocatorias de ambas vías de apoio sumarán unha inxección duns 7,3 millóns de euros en adxudicacións a produtoras, creadores e certames para acelerar a recuperación do sector e impulsar a súa competitividade.