Nova: A Xunta e Agadea impulsan o I Premio de literatura infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’

24/03/2022

A Xunta e Agadea impulsan o I Premio de literatura infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’

O secretario xeral de Política Lingüística presenta o galardón que busca concienciar sobre as enfermidades que implican deterioración cognitiva e perda da memoria

Os participantes deberán ser maiores de 18 anos e teñen ata o 15 de agosto para presentar as súas novelas, poesías, teatro, álbums ilustrados ou novelas gráficas

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa para presentar o I Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, convocado pola asociación Agadea Alzhéimer co apoio da Xunta entre outras institucións.
O premio, de carácter anual, parte da inspiración dunha obra pioneira no mundo do alzhéimer en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e pretende sensibilizar a cidadanía sobre esta enfermidade e outras doenzas varias que implican a deterioración cognitiva e a perda de memoria e da identidade, ao tempo que invita a reflexionar sobre a invisibilización e os estigmas que rodean este colectivo a través da palabra literaria en lingua galega.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade saudou esta nova iniciativa que promove a literatura en galego dirixida ás persoas máis novas e indicou que este premio, “alén de alentar o traballo dos creadores na lingua galega, busca en última instancia establecer pontes de entendemento e de solidariedade entre as xeracións máis vellas, que son as que sofren dunha maneira máis acusada as doenzas coma o alzhéimer, e os nenos e nenas, futuro e presente da nosa sociedade e da nosa lingua, a quen os textos deste certame estarán dirixidos”.

Publicación da obra

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron nesta presentación, que acolleu a Biblioteca Púbica de Santiago Ánxel Casal, Isabel Gey Pérez, presidenta de Agadea, e Francisco Castro Veloso, escritor e presidente ad honorem do premio.

O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer busca sensibilizar sobre a enfermidade do alzhéimer e as doenzas similares, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. As persoas interesadas deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus orixinais inéditos desde hoxe ata o 15 de agosto. A temática das obras -que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica- terá que estar relacionada co alzhéimer, coa memoria e os recordos, coa sensibilización das demencias, coas persoas maiores, coas actividades interxeracionais, coas persoas coidadadoras ou demais temáticas darredor destas doenzas.
O gañador, que recibirá 3000 euros, así como a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciado o 21 de setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer. As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

Comparte