Nova: Obras de restauración da Capela da Soidade, en Lugo

18/02/2015

Obras de restauración da Capela da Soidade, en Lugo

O patrimonio da capital lucense recibe este ano 1,1 millóns de euros de investimento para a Muralla e 4,2 millóns para rematar a obra do auditorio

  • Capela da Soidade, en Lugo Capela da Soidade, en Lugo

Lugo, 18 de febreiro de 2015.- Un total de 152.954 euros adxudica a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as obras de restauración da Capela da Soidade ou da Venerable Orde Terceira, en Lugo, que solucionarán os problemas que causa o mal estado da cuberta e ao mesmo tempo axudarán a recuperar as fiestras góticas da colindante igrexa de San Pedro.

Así o explicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen engadiu que nas vindeiras semanas procederase a ultimar a tramitación administrativa para que poidan comezar canto antes os traballos, que teñen un prazo máximo de execución de tres meses.

Arias lembrou que as actuacións irán dirixidas a substituír a cuberta cun novo deseño que permita solucionar os actuais problemas de conservación. Así, ademais de corrixir a patoloxía que está a sufrir este inmoble, o proxecto inclúe unha modificación mínima da cuberta, de xeito que sexa posible recuperar, cando menos parcialmente, a función orixinal das fiestras góticas da igrexa do antigo convento franciscano, hoxe igrexa parroquial de San Pedro, que están afectadas polo trazado da cuberta desta capela que se apoia nos muros do citado templo.

A delegada subliñou que esta actuación “é unha mostra máis do compromiso da Xunta coa cultura e co patrimonio de Lugo”. A este respecto, subliñou que a consellería de Cultura e Educación está a punto de investir 1,1 millóns de euros na Muralla de Lugo, dos cales 780.000 euros están destinados ao contrato de mantemento para os vindeiros dous anos, 264.000 euros ás obras do adarve e os lenzos na Porta Miñá, e 106.480 euros á construción do ascensor de acceso ao adarve, que está pendente da licenza municipal.

Igualmente, afirmou, “a Xunta está dotando a Lugo do auditorio que merece, obra que conta cun orzamento global de 21 millóns de euros e que estará rematada este ano grazas ao investimento de 4,2 millóns de euros previsto no actual exercicio orzamentario”.
 

Comparte