Nova: A Xunta incorpora á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, 700 novas publicacións
03/04/2022
A Xunta incorpora á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, 700 novas publicacións
Proceden de orixinais conservados na Cidade da Cultura de Galicia e na Biblioteca da Coruña Miguel González Garcés e están xa dispoñibles para a súa consulta de balde
Inclúense 15 títulos de obras de Emilia Pardo Bazán, así como pezas singulares como mapas, folletos ou mesmo unha colección de billetes impresos na Guerra Civil
Con este proxecto de dixitalización Galicia dá acceso a máis de 8.000 títulos do patrimonio bibliográfico galego e continúa a protexelo e salvagardalo
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia vén de incorporar á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, preto de 700 novas publicacións, monografías, folletos, mapas, carteis e postais dixitalizados que están xa dispoñibles para a súa consulta de balde. Inclúense desde obras de Emilia Pardo Bazán ata pezas singulares como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española en diferentes localidades.
As obras dixitalizadas nesta ocasión proceden de orixinais conservados na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Ao abeiro deste traballo, por unha banda incrementouse o rango cronolóxico dalgunhas publicacións periódicas xa presentes en Galiciana. Ademais, dixitalizáronse 33 títulos que proceden do Fondo Bibliográfico Abanca, incrementándose así ata 210 as obras accesibles no micrositio dedicado a esta importante colección dispoñible en Galiciana.
Neste sentido, destaca o único exemplar coñecido da obra Estimvlo para bien obrar: el qval es vtil y prouechoso para todo buen christiano : compuesto por el Licenciado Francisco de Lara. Procede do Colexio Imperial, centro de ensino da Compañía de Xesús, establecido en Madrid a finais do século XVI. Este colexio formou a biblioteca máis importante que houbo en Madrid ata o século XVIII, con materiais de estudo, obras de consulta, de investigación, manuscritos das obras que redactaban os propios xesuítas, donativos e legados de diversos benefactores.
Patrimonio bibliográfico
Xa dentro da colección de patrimonio bibliográfico da Biblioteca de Galicia, véñense de dixitalizar 94 títulos de monografías e folletos, dos que cabe destacar os 15 novos títulos dixitalizados de obras de Emilia Pardo Bazán, entre eles a edición de 1916 de La última fada, ou as novelas cortas La gota de sangre e Finaprol, publicadas na colección Los Contemporáneos, que saíu a rúa en Madrid na primeira década do século XX.
Todo o fondo bibliográfico dixitalizado ata o momento relacionado con Emilia Pardo Bazán pódese consultar nun micrositio propio dentro da biblioteca dixital e suman un total de 90 títulos e máis de 23.000 imaxes. Para conmemorar o centenario do pasamento desta figura fundamental das letras españolas, durante o ano 2021 tamén se transformaron a formato ePub para a súa lectura en dispositivos electrónicos 12 das súas obras máis destacadas, como El príncipe amado (1884), La Tribuna (1882), De mi tierra (1888) ou La Quimera (1905).
Cartografía e fotografías
Do importante fondo Núñez de las Cuevas, especializado en cartografía e ciencias da terra, dixitalizáronse nesta ocasión dous folletos editados durante a Guerra Civil española polo bando republicano, con indicacións para os soldados sobre a lectura e interpretación de mapas e planos. Outro grupo dentro da sección de monografías constitúeno as guías turísticas de Galicia e algúns folletos de festas, editados todos a principios do século XX e ilustrados con imaxes de artistas como Román Navarro ou Rafael Barros.
Outros materiais gráficos tamén foron obxecto de dixitalización neste proxecto. Concretamente, dixitalizáronse 57 carteis procedentes do Depósito Legal custodiado na Biblioteca Pública da Coruña e do fondo de materiais especiais da Biblioteca de Galicia. Esta última institución achega tamén a este novo proxecto de dixitalización outros tipos documentais como dous mapas turísticos da provincia de Pontevedra ilustrados por Agustín Portela Paz e as 484 postais conservadas no seu fondo.
Pezas únicas
As postais dixitalizadas recollen fotografías de localidades de toda Galicia saídas dos estudios fotográficos de autores como Lucien Roisin Besnard, fotógrafo francés establecido en Barcelona, ou a saga de fotógrafos tamén franceses, Avrillon, establecidos estes na Coruña. Orixinario tamén de Francia era José Sellier, introdutor do cinematógrafo en Galicia, con estudio na Coruña, do que saen fotografías en formato postal que se poden consultar desde agora en Galiciana.
Ademais, tamén véñense de dixitalizar pezas únicas como colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española polas Casas del Pueblo de diferentes localidades, destinadas a suplir a falta de moedas que se deu durante este período, xa que se precisou de todo o metal para destinalo á industria de guerra. En canto aos carteis, destacan os de temática teatral e os de festas. A provincia da Coruña queda especialmente retratada nestes documentos gráficos: as festas, os espectáculos e as competicións deportivas que se celebraron nesta provincia a partir do ano 1959.
Proxecto dixital
Galiciana. Patrimonio Dixital de Galicia é o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia que recompila desde prensa histórica dixitalizada ata recursos das diferentes bibliotecas e arquivos de Galicia. Dentro inclúe unha parte para os arquivos e outra para as bibliotecas. No da biblioteca, e como resultado deste novo proxecto de dixitalización, dá acceso xa a 8.667 títulos do patrimonio bibliográfico galego que suman máis de 2.600.000 imaxes.
Dentro delas, a colección de prensa histórica galega dixitalizada alcanza xa as 600 cabeceiras, con algo máis de 1.700.000 páxinas transformadas a formato dixital. Os títulos de monografías e os folletos son xa máis de 5.200 e outras seccións como a de materiais gráficos están a ser incrementadas de xeito importante, como demostran as 1.019 postais de fondo antigo dixitalizadas ou os máis de 140 carteis que se poden consultar. Pódese acceder de balde a todo este material desde a web Galiciana.