Nova: Román Rodríguez celebra que as homenaxes a Laxeiro deste ano estean a converterse nun xusto recoñecemento ao legado do autor

08/04/2022

Román Rodríguez celebra que as homenaxes a Laxeiro deste ano estean a converterse nun xusto recoñecemento ao legado do autor

Agradece a implicación das entidades e institucións que participan na programación conmemorativa a través de exposicións, propostas académicas e didácticas

Indica que todas as accións están a “consagrar entre o gran público unha das traxectorias artísticas máis impresionantes da creación galega de todos os tempos”

 

Lalín (Pontevedra), 8 de abril de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto institucional polo Día das Artes Galegas organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, onde celebrou que todas as homenaxes que se están a realizar durante este ano na honra de Laxeiro estean a converterse “nun xusto recoñecemento que consagra unha das traxectorias artísticas máis impresionantes da creación galega de todos os tempos”.

O titular de Cultura da Xunta agradeceu a todas as entidades e institucións que, en colaboración coa Xunta, participan na programación conmemorativa con actividades que están a dar máis visibilidade e proxección ás súas obras. “Trátase dun excelente traballo de memoria que indaga naqueles aspectos menos frecuentes do seu traballo e que axuda a inaugurar novas investigacións sobre a súa produción”, engadiu.

Neste sentido, fixo referencia ás propostas expositivas, académicas e didácticas que están a desenvolverse este ano, entre as que destacou a exposición itinerante que pode visitarse xa en Lalín cunha trintena de pezas da súa madurez e que, visitará despois Madrid, Santiago e París. “Neste 2022 debemos lograr que a pegada de Laxeiro chegue o máis lonxe posible, tanto en Galicia como en España e en Europa”, indicou.

A esta mostra súmanse diferentes actividades como a celebración dun simposio en Santiago de Compostela e na Coruña e tamén se buscará promover o legado do artista entre os máis novos con material divulgativo e didáctico. Ademais, haberá propostas no eido audiovisual, coa estrea do documental O meu veciño Laxeiro, que repasará o seu percorrido vital e artístico por Lalín, Vigo e o seu vínculo con Arxentina. “A marca Laxeiro ten hoxe maior vixencia que nunca, e por iso temos que estar á altura á hora de homenaxealo como corresponde”, engadiu.

Peza musical especial

O acto de hoxe trátase da actividade central de toda esta programación, na que se rende homenaxe ao autor na súa vila natal, Lalín. Contou coa presenza, entre outros, do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo e o alcalde de Lalín, José Crespo. Rematou coa interpretación Banda de Música de Lalín, que interpretou a peza Pintor Laxeiro, composta por José Luis Represas.

 

Comparte