Nova: Veciñanza de Malpica, Miño, Rianxo e Sobrado verá ‘ás oito da tarde, cando morren as nais’ en Santiago co programa de mobilidade do Centro Dramático Galego

20/04/2022

Veciñanza de Malpica, Miño, Rianxo e Sobrado verá ‘ás oito da tarde, cando morren as nais’ en Santiago co programa de mobilidade do Centro Dramático Galego

Os catro concellos, así como a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o IES Audiovisual de Vigo, súmanse á iniciativa promovida pola unidade teatral da Xunta para facilitarlle á cidadanía de todo o territorio galego o achegamento ao Salón Teatro

A produción do CDG que leva a escena o texto de AveLina Pérez con dirección e dramaturxia de Marta Pazos recibe mañá xoves público desprazado no primeiro dos autobuses, con alumnado de Arte Dramática

Por primeira vez o programa de mobilidade esténdese tamén ás localidades da xira en Galicia e seis localidades xa confirmaron a súa participación

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022 Veciñanza de Malpica de Bergantiños, Miño, Rianxo e Sobrado desprazarase ao Salón Teatro de Santiago de Compostela para ver a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), Ás oito da tarde, cando morren as nais, a través do programa de mobilidade promovido pola unidade teatral da Xunta. A iniciativa, á que tamén se sumaron a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e o IES Audiovisual de Vigo, ten como obxectivo facilitarlle á cidadanía de todo o territorio galego o achegamento ao teatro e ao espazo escénico compostelán.

 

Deste xeito, o espectáculo que leva a escena o texto de AveLina Pérez con dirección e dramaturxia de Marta Pazos recibe mañá xoves público desprazado no primeiro dos autobuses, co alumnado de Arte Dramática. O venres chega a veciñanza de Malpica de Bergantiños e o sábado, a de Miño. Xa a vindeira semana, última do espectáculo en Compostela, será a quenda do IES Audiovisual de Vigo, de Rianxo e de Sobrado, que chegarán o xoves, venres e sábado, respectivamente.

 

Cada unha das entidades participantes no programa de mobilidade encárgase da xestión das inscricións para viaxar a Compostela. As persoas que asisten ao teatro ao abeiro deste programa benefícianse dun desconto do 40% no prezo da entrada, coa viaxe en autobús incluída.

 

Desprazamentos tamén coa xira

Estreada a pasada semana, Ás oito da tarde, cando morren as nais estará en cartel en Compostela só ata o 1 de maio, con funcións de mércores a domingo, para logo iniciar unha xira por Galicia e Portugal ata xuño. Por primeira vez, o Centro Dramático Galego pon tamén autobuses a disposición da veciñanza da contorna das localidades galegas onde se representará a peza en xira, Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada. Os concellos de Outes, As Somozas, Ares, Vilagarcía de Arousa, Gondomar e Redondela xa confirmaron a súa participación no programa.

 

Cun elenco formado por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado, Ás oito da tarde, cando morren as nais sitúa o público como elemento central da obra e analiza a relación entre o teatro e a súa recepción. A peza representa unha función teatral na que as persoas que asisten ao espectáculo interactúan coa actriz en escena.

 

A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

 

Ás oito da tarde, cando morren as nais estará en carteleira no Salón Teatro ata o 1 de maio con funcións de mércores a domingo. Iniciará despois unha xira que inclé os municipios galegos de Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada, ademais dos portugueses de Beja e Coímbra.

Comparte