Nova: Xunta e Galaxia editan ‘Tempo novo’, a novela de Neira Vilas sobre a emigración galega en Cuba

21/04/2022

Xunta e Galaxia editan ‘Tempo novo’, a novela de Neira Vilas sobre a emigración galega en Cuba

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na presentación desta obra sobre os cambios sociais vividos na illa posterior á Revolución do 53

Posteriormente desprazouse a Vilagarcía con motivo da homenaxe ao escritor e profesor Plácido Castro

 

 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.-

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá á presentación do libro Tempo novo, de Xosé Neira Vilas, publicado pola Editorial Galaxia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Valentín García destacou “a importancia que ten para a lingua galega ter publicadas as obras dos seus clásicos, máis aínda cando se trata de libros como Tempo Novo, no que Neira Vilas nos ofrece unha perspectiva verdadeiramente interesante na historia da emigración galega como é o acontecemento do triunfo da Revolución en Cuba”.

No acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, tamén interviron Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

 

En Tempo Novo, o autor de Gres ambienta os seus relatos no período de cambio que se opera en Cuba tras a Revolución de 1953, onde descobre a forte pegada da emigración galega. Así é que ficciona os personaxes que lle son próximos, achegándonos o desarraigamento e as esperanzas nos cambios sociais que se estaban a operar, á vez que nos amosa diferentes escenas e costumes dos galegos emigrados, entre os que destaca a imaxe da muller galega, comprometida e implicada no convulso proceso histórico da illa cubana.

 

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos autores máis sobranceiros das nosas letras. Membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, foi autor dunha extensa obra literaria, da que cómpre salientar Memorias dun neno labrego (1961), unha das novelas galegas máis reeditadas e traducidas, que celebrou o pasado 2021 o seu 60 aniversario.

 

Homenaxe a Plácido Castro

O secretario xeral de Política Lingüística tamén se desprazou hoxe a Vilagarcía de Arousa para participar no acto en homenaxe ao escritor e profesor Plácido Castro, no que foi colocada unha placa na memoria do autor xunto a familiares e amigos.

O encontro conmemorativo, organizado polo Concello e o IES Castro Alobre, contou coa presenza de Susi Castro, presidenta da Fundación Plácido Castro, ademais de representantes institucionais e da comunidade educativa.

Plácido Ramón Castro (Corcubión, 1902-1967) foi un escritor, xornalista, tradutor e profesor galego, figura destacada do galeguismo de entreguerras e da cultura galega na diáspora durante a súa estancia en Reino Unido, a onde se trasladou despois da Guerra Civil e onde traballou como locutor e redactor na BBC, realizando o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega.

De volta en Galicia, asentou en Cambados, onde exerceu como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía e colaborou en diversos diarios e publicacións ata o seu pasamento.

Comparte