Nova: A pintura figurativa de Xoán Guerreiro abre a nova programación da Casa da Parra
20/02/2015
A pintura figurativa de Xoán Guerreiro abre a nova programación da Casa da Parra
A mostra Elízara, lugar onde non estiven, que reúne 44 obras do artista, poderá visitarse no centro compostelán ata o vindeiro 5 de abril
Santiago, 20 de febreiro de 2015.- A programación de 2015 da Casa da Parra bota a andar coa obra pictórica do lugués Xoán Guerreiro a través da mostra ‘Elízara, lugar onde non estiven’. A pintura figurativa de Guerreiro é a protagonista desta primeira exposición do ano, que foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nun acto que contou coa participación do propio artista.
Un total de 44 obras, entre as que se inclúen 38 traballos en óleo de pequeno, mediano e gran formato, dous gravados e catro debuxos en grafito, conforman esta exposición, que “amosa o xeito de narrar deste extraordinario mestre da técnica”, afirmou o secretario xeral.
“O talento e creatividade de Guerreiro están presentes a través das obras que reúne esta exposición e que nos ofrecen a mirada que deita o artista sobre a realidade, sobre o cotián. Unha mirada –dixo– que abarca a vida, a través da natureza, de obxectos e de lugares baleiros de persoas como Vigo, Esteiro, Rande ou Lugo”.
A mostra, coordinada por Margarita Rueda, poderá visitarse ata o vindeiro 5 de abril na Casa da Parra, un lugar emblemático no centro histórico compostelán que medrou arredor da catedral de Santiago e que “nos ofrece en cada proxecto unha ventá á creación plástica actual, á produción propia de artistas galegos de vangarda”, destacou Anxo Lorenzo.
O artista Xoán Guerreiro
Ademais de participar en diversas exposicións colectivas, o artista Xoán Guerreiro (Xove, 1956), é autor de numerosas exposicións individuais desde a década dos oitenta, realizadas tanto en galerías e centros culturais de referencia de Galicia, como en espazos expositivos doutras comunidades.
Entre os anos 1992 e 1994 obtivo a bolsa de pintura Valdearte, do concello do Barco de Valdeorras (Ourense). Nesta mesma década, tamén foi seleccionado para participar na Mostra Unión Fenosa e foi recoñecido co premio de pintura Lugonova 90. Entre os seus traballos tamén destacan a ilustración dos libros ‘A fonde da vida longa’, ‘Tralas portas do rostro’ e ‘Ninguén chorou por nós’, premio de teatro Rafael Dieste.