Nova: A Xunta e Renfe celebran o Día das Letras Galegas coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán nos trens de media distancia e Avant
09/05/2022
A Xunta e Renfe celebran o Día das Letras Galegas coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán nos trens de media distancia e Avant
Os trens do Servizo Público de Galicia destacan nos repousacabezas a figura do autor valdeorrés
Ambas as entidades poñen en marcha distintas propostas para promover e fomentar a celebración das Letras Galegas
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto co xerente e o xefe de área comercial do Servizo Público de Renfe en Galicia, Javier Pérez e Alberto Martínez, respectivamente, presentaron esta mañá na Coruña as accións acordadas para a promoción da figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día de las Letras Galegas neste 2022.
O representante da Xunta de Galicia destacou “a visibilidade que lle dá á celebración do 17 de maio e á divulgación do persoeiro homenaxeado, neste caso Florencio Delgado Gurriarán, esta colaboración con Renfe que vimos mantendo desde hai varios anos” e mostrou a súa confianza en que “estas iniciativas tan visuais e que se realizan en espazos polos que tanta xente transita esperten o interese dos viaxeiros por Gurriarán e pola celebración das Letras Galegas, mesmo o daqueles cuxos intereses habituais se movan por outros camiños”.
Mediante este acordo de colaboración, ambas as entidades poñen en marcha distintas propostas para promover a cultura e a lingua galegas a través dos servizos públicos de Renfe Viaxeiros e fomentar tamén o transporte por ferrocarril.
Entre estas accións, os carteis dos gañadores do Concurso das Letras Galegas 2022 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderanse contemplar nos espazos de información ao viaxeiro que Renfe ten asignados nas estacións de ferrocarril.
Do mesmo xeito, a imaxe institucional do Día das letras Galegas 2022 de Florencio Delgado Gurriarán mostrarase nos repousacabezas dos trens de alta velocidade, serie 121, que fan servizos AVANT e Media Distancia nos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense e A Coruña-Santiago de Compostela- Vigo.
Ademais, e como xa é costume, durante o acto repartíronse libros en lingua galega entre os viaxeiros que transitaban a estación no momento.
Tamén co gallo do Día das Letras Galegas 2022, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística participaron na presentación da VIII Carreira Camiño das Letras, organizada por Xurdir coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Esta competición deportiva terá lugar o martes 17 de maio en Santiago de Compostela e Boqueixón co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago.
Os participantes poderán escoller entre dúas probas, unha de 15 Km que partirá desde o Pico Sacro, seguindo a Vía da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 Km, tamén no entorno da Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 12 de maio ás 23,59 horas e a recadación solidaria dun euro por participante estará destinada á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Ademais, cada corredor, recibirá un libro de agasallo xunto á entrega do dorsal.