Nova: A Xunta celebra o centenario de María Casares cunha coprodución do Centro Dramático Galego e Ainé

18/05/2022

A Xunta celebra o centenario de María Casares cunha coprodución do Centro Dramático Galego e Ainé

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta en rolda de prensa o espectáculo levado a escena con A Quinta do Cuadrante a partir de textos da dramaturga uruguaia Marianella Morena e baixo a dirección de Tito Asorey

A peza, producida por Xosé A. Touriñán, estará no espazo compostelán durante dúas semanas a partir de mañá, con sesións de xoves a domingo

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega mañá xoves ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. Anunciouno hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha rolda de prensa que contou coa participación do produtor da peza, Xosé A. Touriñán; o director, Tito Asorey, e a actriz Melania Cruz, como elenco, ademais da do director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez.

 

Con Laura Iturralde como responsable da iluminación, José Faro Coti da escenografía e Jairo Iglesias do vídeo, Continente María mestura teatro, poesía, música en directo (a cargo do o músico Vadim Yukhnevich) e traballo audiovisual para achegarlle María Casares ao público dun xeito artístico. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista. Presenta a actriz como o mapa dun continente a percorrer gozando dos detalles da súa paisaxe, chea de vitalidade e ganas de vivir todo o que a realidade e a poesía poden ofrecer.

 

Descubrir a María Casares desde do teatro

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que a iniciativa xorde da necesidade de “divulgar a importancia desta figura desde o espazo escénico, o contexto no que se fixo universal”. “Na programación da Xunta co gallo do centenario do nacemento da actriz non podía faltar unha proposta creada desde o ámbito teatral, como esta peza que estreamos o luns na Coruña no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e traemos agora a Compostela”, engadiu.

 

Segundo apuntou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha iniciativa que se suma ás diferentes propostas expositivas, editoriais e audiovisuais impulsadas polo Goberno galego en colaboración con diversas institucións, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e que se estenderá máis aló do territorio galego, con accións en Madrid e París. Nesta liña, lembrou que a cidade de Santiago acolle na rúa Xoán XXIII ata finais deste mes unha exposición itinerante que afonda sobre as diferentes facetas de María Casares e en aspectos menos coñecidos da súa traxectoria.

 

Funcións de xoves a domingo

As funcións previstas no Salón Teatro terán lugar a partir de mañá e ata o 29 de maio, con sesións de xoves a sábado, ás 20,00 horas, e os domingos, ás 18,00 horas. As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada sesión. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado, con descontos para diferentes colectivos, e de 6 euros os domingos, día do espectador.

 

Continente María é a quinta coprodución estreada polo Centro Dramático Galego no que vai de ano. Súmase así a Come and go, de Helena Salgueiro; O Péndulo, de Inversa Teatro; Rastros, de Condetrespés, e os novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. A programación de coproducións neste primeiro semestre péchase o 28 de maio con Asemblea xeral, de Sarabela Teatro, cuxa función inaugural terá lugar no Barco de Valdeorras. Co impulso a estes proxectos búscase dinamizar a actividade escénica e a creación de audiencia en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.

Comparte