Nova: A Xunta e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia estrean dúas pezas audiovisuais sobre María Casares en conmemoración do centenario da actriz
20/05/2022
A Xunta e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia estrean dúas pezas audiovisuais sobre María Casares en conmemoración do centenario da actriz
O director de Industrias Culturais interveu na presentación de ‘María Casares: Voces para un centenario’, iniciativa desenvolvida pola AAAG ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021
As dúas fitas, con dirección artística de Carlos Álvarez-Ossorio, poden verse xa na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.- A conmemoración do centenario da actriz María Casares conta cunha nova achega audiovisual coa estrea de dúas pezas realizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co apoio da Xunta no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Baixo o título María Casares: Voces para un centenario, ambas as fitas conforman un díptico que retrata a emblemática actriz desde diferentes perspectivas e que xa pode verse na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística como María Casares. O deber da memoria e María Casares e o Festival de Avignon.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta iniciativa, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela e que contou tamén coas intervencións de Luma Gómez, vicepresidenta da AAAG, e Carlos Álvarez-Ossorio, director artístico deste proxecto e mais da gala dos XXXVI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro 2 de xuño.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que a “feliz confluencia” de dúas dinámicas de traballo propiciou que María Casares. Voces para un centenario estea xa a disposición de toda a cidadanía. Dunha banda, a posta en marcha en 2021 do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 como canle extraordinaria de financiamento que a Xunta abriu a todas as disciplinas escénicas e que permitiu que viran a luz centos de creacións, tanto de nova factura como a partir da recuperación de iniciativas que quedaran interrompidas pola crise sanitaria.
Doutra banda, referiuse ao labor da Asociación de Actores e Actrices, que traballa desde hai máis de 25 anos na proxección e reivindicación en Galicia da figura de María Casares a través dos premios anuais que levan o nome da gran actriz, así como de numerosas actividades complementarias aparelladas á súa convocatoria.
María Casares. O deber da memoria é a primeira das fitas que compoñen este díptico, gravado na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. A peza xira arredor das reflexións e a análise do historiador Emilio Grandío, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a posición da intérprete fronte ao exilio, a diáspora galega, o republicanismo ou a figura política do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Nela, Sonsoles Cordón, Arantxa Treus, Bea Sánvil, Maika Aguado e Lucía Sáa interpretan fragmentos de entrevistas e escritos.
En María Casares e o festival de Avignon, ten a palabra a investigadora María Lopo, quen como biógrafa da actriz detalla a súa evolución teatral a través das súas múltiples participacións no afamado certame escénico francés. A súa voz conxúgase coa interpretación das devanditas cinco actrices de papeis que María Casares encarnou ao longo da súa carreira nesta histórica mostra de teatro francesa.
María Casares: Voces para un centenario contou con Manuel Silva na realización, edición e montaxe, mentres que Carlos Álvarez-Ossorio se encargou da dirección artística das intérpretes participantes.
Continente María no Salón Teatro
Esta iniciativa vén sumarse ás diferentes propostas expositivas, editoriais, escénicas e audiovisuais impulsadas polo Goberno galego para conmemorar este centenario en colaboración con diversas institucións e que se estenderá máis aló do territorio galego, con accións en Madrid e París. Nesta liña, o director de Industrias Culturais lembrou que o Salón Teatro ofrece ata o vindeiro 29 de maio, con funcións de xoves a domingo, o espectáculo Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña. Esta produción, dirixida por Tito Asorey e interpretada por Melania Cruz, mestura teatro, poesía, música en directo (a cargo do o músico Vadim Yukhnevich) e traballo audiovisual para achegarlle María Casares ao público dun xeito artístico.
Ademais, a cidade de Santiago acolle na rúa Xoán XXIII ata finais deste mes unha exposición itinerante que afonda sobre as diferentes facetas de María Casares e en aspectos menos coñecidos da súa traxectoria.