Nova: A Xunta ultima medidas para estender e completar os servizos bibliotecarios por todo o territorio

27/05/2022

A Xunta ultima medidas para estender e completar os servizos bibliotecarios por todo o territorio

A folla de ruta marca entre as súas prioridades afondar na atención ás persoas con discapacidade, na dixitalización e tamén na formación do persoal

O mapa amosa bos resultados en indicadores como dispoñibilidade de salas infantís, condicións de apertura ou recursos de alfabetización dixital

Abren unha media de 45 horas, contan con 6,6 millóns de documentos, máis de 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados, superando a media española

 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Parlamento o II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, a ferramenta para diagnosticar necesidades e orientar a acción pública neste eido que foi aprobada esta semana no Consello de Xunta. Como explicou, o documento constata a positiva evolución destes centros nos últimos anos, especialmente no que atinxe á diversidade de servizos para acudir ás bibliotecas (prazas de aparcadoiro, paradas de autobús...), aos materiais para o público infantil, as condicións de apertura ou recursos como wifi, postos de lectura ou as coleccións que ofrecen.

 

Tamén se referiu ás liñas de futuro que fixa esta folla de ruta especialmente á necesidade de seguir traballando en eidos como a atención ás persoas con discapacidade, a dixitalización ou reforzar a proximidade para chegar a aqueles territorios que non contan con estes centros, un aspecto no que, avanzou, a Xunta está a ultimar distintas medidas que permitan estender o alcance das bibliotecas.

 

“Dispor dun sistema bibliotecario robusto e dispoñible para todos os galegos é imprescindible porque as bibliotecas aseguran o dereito de acceso á cultura. Neste contexto, ter follas de ruta como este novo mapa é fundamental para seguir avanzando”, expresou o representante da Consellería de Cultura.

 

295 bibliotecas en 215 concellos

Referiuse a este documento como froito dun traballo “minucioso e exhaustivo” que permite ofrecer ao conxunto de profesionais e institucións responsables dos servizos bibliotecarios un “instrumento oportuno e útil” para a planificación e deseño de actuacións futuras. Ademais, engadiu, de cara á cidadanía proporciona información “de moita utilidade” sobre a extensión e características destes servizos.

 

O mapa identifica un censo total de 295 bibliotecas radicadas en 215 concellos que, como expresou, “serán completadas con novas medidas que iremos implementando entre todos”. Así, avanzou que a Xunta elaborará un documento estratéxico que será debatido co sector na vindeira xuntanza do Consello Bibliotecario de Galicia e que incluirá iniciativas para chegar aos lugares nos que non teñen bibliotecas cando as características do territorio o aconsellen. Tamén se abordarán mecanismos de cooperación entre concellos ou a descentralización do servizo a través de novos centros que traballen en rede, entre outras cuestións.

 

No que se refire á dotación de persoal das bibliotecas públicas é en xeral “adecuada ou alta”, indicou. En concreto, hai máis de 630 traballadores a templo completo, o 30% técnico. Co fin de aproveitar todo o posible estes recursos humanos intensifícanse esforzos na súa formación continua. Outro aspecto no que as bibliotecas avanzaron son as coleccións. Con 6,6 millóns de documentos, as dimensións son tamén altas ou moi altas. Agora, ademais da dimensión cuantitativa, reforzarase tamén a calidade, para o que cómpre “abordar estudos que permitan asegurar unha colección óptima e completar o material en galego”, expresou.



Equipamento adaptado

Anxo M. Lorenzo referiuse igualmente ás políticas dirixidas ás persoas con discapacidade como un dos principais retos que identifica o mapa. Como recordou, trátase dun aspecto no que a Xunta está a traballar xa a través de liñas de axuda para a mellora das infraestruturas e, con vistas ao futuro, tamén no marco da futura lei autonómica de cultura inclusiva e accesible. O mapa identifica que, aínda que a meirande parte das bibliotecas teñen bos resultados en canto á adaptación física dos espazos (o 64% ten mobiliario e infraestruturas adaptadas) é preciso afondar en aspectos como a diversificación das coleccións ou o equipamento, con medidas como lupas electrónicas, pasapáxinas, monitores adaptados, recursos en braille, lectores de pantalla, entre outros.

 

“Todas as propostas que se poñan en marcha deben abordarse desde unha perspectiva integradora por iso tamén é necesario realizar avaliacións profesionais da accesibilidade das instalacións e equipamentos; valorar e incrementar os fondos accesibles e diversificar a colección, así como contar cun cadro de persoal capacitado na atención á discapacidade e á diversidade”, engadiu.

 

A diagnose extraída no II Mapa de Bibliotecas Públicas identifica outros avances en canto aos servizos xerais. Un dos máis destacados é o da facilidade de servizos dispoñibles para acudir ás bibliotecas, un 99,5% dos concellos aproban neste parámetro ao estar dotados de aparcadoiros propios o contar con aparcamentos públicos próximos, ter descontos para aparcamento, paradas de bus próximas ou mesmo aparcadoiro de bicis e patíns.

 

As bibliotecas en cifras

As bibliotecas abren unha media de 45 horas semanais e teñen unha superficie útil de máis de 98.000 m2. Máis da metade (o 53%) contan cunha sala específica para o público infantil. Hai máis de 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados ou, o que é o mesmo, 1,7 postos dixitais por cada 1.000 habitantes. Trátase dunha cifra por riba da media española onde a media está en 0,6 ordenadores de uso público dispoñibles nas bibliotecas por cada 1.000 habitantes. Ademais, os centros bibliotecarios adáptanse tamén cada vez máis aos criterios de sustentabilidade xa que o 64% das bibliotecas adáptanse ás solucións de aforro enerxético.

 

Anxo M. Lorenzo recordou que a adaptación á contorna dixital será outro dos retos. “Require dunha continua innovación para que estes centros non queden fóra da realidade polo que, ademais, agora reforzaremos os nosos esforzos para que as bibliotecas xoguen un papel primordial na loita contra a fenda dixital e na alfabetización dixital”, indicou.  Para o representante da Consellería de Cultura, o II Mapa de Bibliotecas de Galicia serve para poñer de manifesto as fortalezas e carencias dos servizos bibliotecarios da rede e, en consecuencia, reviste unha especial utilidade para fixar prioridades e obxectivos de cara ao futuro. “Cómpre agora que tanto as entidades responsables dos servizos bibliotecarios como a Xunta teñamos en conta estes contidos á hora de levar a cabo a súa planificación estratéxica”, indicou.

 

2M€ para as bibliotecas

O II Mapa de Bibliotecas de Galicia actualiza e amplía a elaborada en 2016. O primeiro mapa das bibliotecas de Galicia converteuse nunha ferramenta útil para mellorar o sistema bibliotecario e era precisa agora unha actualización, como marca a Lei de Bibliotecas. Foi elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a quen lle corresponde a dirección e coordinación da Rede de Bibliotecas de Galicia. Enmárcase nas medidas da Xunta para o sector bibliotecario cun orzamento que supera os 2M€ en distintos programas. Así, inclúense medidas para o crecemento e actualización das coleccións e dotación de recursos electrónicos, para a dinamización da lectura, para a mellora de infraestruturas culturais dos concellos ou para a formación.

Comparte