Nova: O circuíto de Feiras do libro 2022 recala desde hoxe en Vilalba co apoio da Xunta
03/06/2022
O circuíto de Feiras do libro 2022 recala desde hoxe en Vilalba co apoio da Xunta
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración desta cita coa cultura na capital da Terra Chá
O Goberno autonómico é o principal patrocinador das feiras impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia que percorren ata agosto 13 vilas e cidades
Vilalba (Lugo), 3 xuño de 2022 O circuíto de Feiras do libro de Galicia 2022, impulsado pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta, recala hoxe en Vilalba, onde permanecerá ata o domingo. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración da feira, cuxo pregón de apertura correu a cargo de Luz Airado.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reiterou o compromiso e o apoio do Goberno galego ao sector a través de acordos como o asinado coa Federación de Librarías para as Feiras. Tamén aludiu a distintas liñas específicas de axudas coas que o Goberno autonómico colabora para apoiar aos sector do libro. En concreto, para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais, subvencións ás empresas editoriais que superan os 2 M€.
Así mesmo, Anxo M. Lorenzo animou aos cidadáns a achegarse ata a praza da Constitución da capital da Terra Chá para visitar as dez casetas e participar nas distintas actividades (entre obradoiros, charlas, presentacións, contacontos...) dirixidas a todos os públicos e, especialmente, aos máis pequenos.
Trece paradas entre maio e agosto
O circuíto de Feiras do Libro 2022, organizadas e impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta, arrancou a finais de abril en Ferrol e xa recalou en Santiago de Compostela, Lugo e O Porriño. Tras a parada de Vilalba, o circuíto continuará en Ourense (do 8 ao 11 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).