Nova: O CGAI restaura o cinema dos irmáns Barreiro

26/02/2015

O CGAI restaura o cinema dos irmáns Barreiro

O Museo de Pontevedra amosa a recuperación do material filmado de 1932 a 1934 por Enrique e Ramón Barreiro coas proxeccións de ‘Noticiario Folk 1932’ e ‘Visita do Presidente da República a Pontevedra’

A primeira das fitas exhibidas, tamén coñecida como ‘Noticiario nº1’, agrupa unha ducia de reportaxes mudas sobre acontecementos de actualidade e escenas costumistas gravadas na cidade do Lérez e no resto de Galicia

O segundo título, rodado pola produtora pontevedresa Folk durante a visita ás Rías Baixas de Niceto Alcalá Zamóra, é o primeiro dos documentos sonoros que se conservan en Galicia

  • Cartel da sesión cinematográfica Cartel da sesión cinematográfica

Pontevedra, 26 de febreiro de 2015.- O Museo de Pontevedra acolleu esta tarde unha sesión cinematográfica dedicada ao material filmado entre 1932 e 1934 polos irmáns Enrique e Ramón Barreiro e restaurado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). A presentación destes traballos, que incluíu a proxección de ‘Noticiario Folk 1932’ e ‘Visita do Presidente da República a Pontevedra’, foi organizada conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Deputación de Pontevedra co obxectivo de lle achegar ao público o cinema pioneiro dos Barreiro, así como o labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual que desenvolve o CGAI no marco das súas funcións como Filmoteca de Galicia.

Baixo o título ‘Cine recuperado. Os irmáns Barreiro: Pontevedra 1932-1934’, o acto contou coa participación de Ana Isabel Vázquez, deputada provincial de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic; Guillermo Escrigas, director do CGAI; José Luis Castro de Paz, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e especialista na obra de Ramón Barreiro, e Enrique Barreiro, arquitecto e fillo de Enrique Barreiro.

Patrimonio audiovisual galego
Nas súas intervencións, Jacobo Sutil e Guillermo Escrigas incidiron especialmente no traballo especializado que realiza a filmoteca galega á hora de localizar, restaurar e protexer materiais fílmicos históricos. En concreto, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais lembrou que o CGAI –incorporado desde 2013 á estrutura da Consellería de Cultura e Educación como centro adscrito á Agadic– leva restaurados máis de 30 títulos desde a súa posta en marcha hai 25 anos. “Son obras datadas entre 1915 e 1957, de distintas metraxes e temáticas, mais todas elas asinadas por nomes que merecen recoñecemento como artífices relevantes do noso patrimonio audiovisual, que temos a obriga de poñer a disposición das xeracións actuais e vindeiras”, sinalou.

A elección para esta sesión en Pontevedra de ‘Noticiario Folk 1932’, tamén coñecido como ‘Noticiario nº 1’, responde ao seu valor como opera prima da produtora pontevedresa Folk, proxecto á fronte do que se situou Enrique como director técnico e no que Ramón traballou como cámara e realizador.

Este último foi precisamente o encargado de rodar a ducia de reportaxes sobre acontecementos de actualidade e escenas costumistas que conforman esta peza muda, estreada en 1932 no Teatro Principal de Pontevedra: ‘El Nuncio de S.S. en Galicia’, ‘El presidente del Consejo y el Ministro de la Gobernación en Galicia’, ‘La playa de Compostela en Villagarcía’, ‘La elección de Miss Galicia en Vigo’, ‘Concurso de natación celebrado en Vigo’, ‘Campeonato de tiro de pichón en Lugo’, ‘Atletismo en Pontevedra’, ‘Desfile de atletas en la plaza de toros’, ‘Pesca de pulpo en Galicia’, ‘Partido de foot-ball Deportivo-Eiriña en La Coruña’, ‘Actualidad política en Pontevedra’ e ‘Monasterio de Armenteira’, de acordo cos seus títulos orixinais.

A copia deste filme chegou ao CGAI a través dun descendente de José Rodríguez Vicente “Joselín”, contacontos, documentalista e guionista, amais de alcalde de Baiona nos anos vinte. Pola súa banda, ‘Visita do Presidente da República a Pontevedra’, a segunda das pezas proxectadas hoxe, pertence ao fondo do Museo Massó de Bueu.

Primeiro documento sonoro
Producida tamén por Folk baixo o título orixinal ‘El recibimiento de Vigo a su Excelencia el Presidente de la República, esta fita é o primeiro filme sonoro galego do que se ten constancia. Nela recóllese a visita que o primeiro presidente da Segunda República, Niceto Alcalá Zamora, realizou a Vigo, Moaña e Bueu.

Esta sesión serviu, así mesmo, para homenaxear e reivindicar o papel dos irmáns Barreiro na historia do cinema en Galicia desde a súa vinculación con Pontevedra. Así, Enrique (1899-1983), quen herdou do seu pai a inquietude pola fotografía, foi un dos pioneiros da cinematografía en color. De feito, en 1925 asina a película ‘Pontevedra, cuna de Colón’, realizada con un sistema inventado por el mesmo. Foi tamén o impulsor do produtora Folk, na que se encargaba, ademais, do procesado no laboratorio.

O seu irmán Ramón (1906-1981) foi un profesional polifacético: fotógrafo, novelista, poeta, xornalista, home de radio, cineasta e realizador de televisión. Como director de cine, nos anos corenta asinou títulos como ‘El otro Fu-Man-Chu’, ‘El pirata Bocanegra’, ‘Poker de Ases’ ou ‘Pototo, Boliche y compañía’, cualificados polo historiador José Luis Castro de Paz de “excéntricos, anarquizantes e informais”. En 2010 o CGAI publicou o volume ‘Ramón Barreiro. Humor parodia e modernidade’, editado por Castro de Paz xunto a Xaime Fandiño.

Comparte