Nova: O festival ‘Atlántica 2022’ levará a narración oral a espazos patrimoniais de 24 concellos de toda Galicia co apoio da Xunta
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
15/06/2022
O festival ‘Atlántica 2022’ levará a narración oral a espazos patrimoniais de 24 concellos de toda Galicia co apoio da Xunta
O director xeral de Cultura destaca esta cita como unha das máis importantes da Península Ibérica e referente na lusofonía neste eido
Reafirma o compromiso do Goberno galego con iniciativas coma esta, que contribúen á descentralización da cultura e ao intercambio entre os pobos
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da décima edición do festival Atlántica 2022, a cita internacional de narración oral que se celebrará entre o 30 de xuño e o 9 de xullo e que conta co apoio da Xunta de Galicia. As funcións desenvolveranse en lugares ao aire libre e de especial interese patrimonial de 24 localidades de toda Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou este festival como “unha cita máis que consolidada, que leva unha década reunindo a todo tipo de públicos diante dunha tradición tan galega e á vez tan internacional como os contos”, sinalou.
Case un cento de funcións en 24 concellos
Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora).