Nova: O Museo Etnolóxico de Ribadavia divulga nunha exposición o proceso de conservación do fondos da agrupación cultural Abrente

13/07/2022

O Museo Etnolóxico de Ribadavia divulga nunha exposición o proceso de conservación do fondos da agrupación cultural Abrente

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura a mostra, que poderá visitarse ata o 30 de setembro, sobre as tarefas realizadas polo centro museístico durante dous anos para coidar esta colección

O fondo está depositado neste centro desde 1986 e é de consulta frecuente, con xornais, fotografías ou manuscritos que foron propiedade desta asociación

Dáse continuidade así ao traballo de difusión deste legado que está a facer o museo expoñendo varias das pezas en diferentes fases desde o ano 2019
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a exposición A conservación do fondo documental Abrente no Museo Etnolóxico de Ribadavia, que amosa e fai chegar ao público as tarefas de conservación realizadas polo museo sobre o valioso fondo documental da agrupación cultural Abrente.

 

Trátase dunha mostra “que ofrece unha mirada diferente ao centrarse nun labor descoñecido pero fundamental para os profesionais dos centros museísticos, o da conservación e restauración dos fondos que se expoñen para garantir a súa perdurabilidade”, explica o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Para Anxo M. Lorenzo, realizouse un “óptimo traballo durante dous anos que agora presentamos en forma de exposición na que se analiza o estado de conservación, así como as técnicas para o coidado do aspecto dos fondos que compatibilizan coas necesidades de uso e almacenamento físico dos documentos”.

 

O director xeral de Cultura destacou, ademais, a importancia destes traballos para “seguir mantendo vivo o legado de Abrente, unha das asociacións culturais máis emblemáticas de Ribadavia que nos anos 70 e 80 se converteu nun importante dinamizador cultural da comarca”. Con esta exposición dáse continuidade ao traballo de difusión que está a dar o Museo Etnolóxico de Ribadavia a estes fondos. O museo expuxo por primeira vez ao público varias pezas no ano 2019, co gallo do 50 aniversario do nacemento da agrupación.

 

De consulta frecuente

A conservación do fondo documental Abrente pódese visitar ata o 30 de setembro. Está comisariada por Cristina Díaz Sanjurjo, conservadora e restauradora con máis de 20 anos de experiencia en intervencións e redacción de proxectos para patrimonio moble e inmoble, así como sobre conservación preventiva. Actualmente colabora co Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do Viño de Galicia.


A mostra está composta por información e material relacionado co traballo de conservación, así como un espazo coa documentación do fondo Abrente.
Este fondo foi depositado e arquivado no Museo Etnolóxico en 1986, unha vez disolvida a agrupación. Trátase dun arquivo de consulta frecuente, que inclúe documentación administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, manuscritos, actas, recibos e libros de contas.

 

O museo, como depositario, ten a obriga de conservalo en óptimas condicións, polo que é imprescindible establecer unhas normas básicas de manipulación, mantemento e uso para garantir a súa perdurabilidade. Este foi o obxectivo do traballo de conservación realizado no departamento de conservación do Museo Etnolóxico durante dous anos e que agora se presenta: a análise do seu estado de conservación e o coidado do seu aspecto material mediante unha intervención de preservación, que compatibiliza as necesidades de uso e o almacenamento físico dos documentos.

Comparte