Nova: ‘Música na Rúa’ ofrecerá do 4 ao 7 de agosto en Escairón un cartel de 35 bandas emerxentes co apoio da Xunta a través das axudas a festivais profesionais
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/07/2022
‘Música na Rúa’ ofrecerá do 4 ao 7 de agosto en Escairón un cartel de 35 bandas emerxentes co apoio da Xunta a través das axudas a festivais profesionais
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación deste encontro que procura a dinamización do rural ao ofrecer unha ampla selección de grupos alternativos como Soto Asa, Albany ou Sita Abellán
A cita do saviñao é unha das catro novas incorporacións á relación de beneficiarias das subvencións coas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia 21 eventos musicais este ano
Soto Asa encabeza un cartel de bandas emerxentes no que tamén figuran Abany, Sita Abellán, Chill Mafia ou os artistas locais EQX, Methone e Scairon Johanson
O Saviñao (Lugo), 14 de xullo de 2022
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá nas Adegas Moure na presentación de Música na Rúa na compaña do codirector do evento, Emilio Vázquez, e a súa responsable de loxística, Lara Vázquez, así como doutros representantes de entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola súa “aposta por contribuír á dinamización do rural a través da cultura” e lembrou que os festivais constitúen “verdadeiros motores económicos e sociais” non só para a industria musical galega, senón tamén “para o turismo” e “para o desenvolvemento en todos os ámbitos” das localidades que os acollen.
O representante da Xunta celebrou que Música na Rúa cumpre cos “obxectivos de difusión, calidade e profesionalidade” que o Goberno galego considera como estratéxicos na súa convocatoria anual de axudas aos festivais ao tempo que destacou “a singularidade” tanto do seu cartel coma do seu lugar de celebración. O Fión do Saviñao, un balcón con vistas privilexiadas sobre a Ribeira Sacra, acollerá por segundo ano consecutivo o escenario polo que pasarán as 35 bandas do cartel.
Orixe familiar
A organización ten como obxectivo duplicar a cifra este ano grazas a catro días de concertos de bandas e voces como Soto Asa, Rusowsky, Albany, Sita Abellán e Chill Mafia, entre outros moitos. Estes nomes do panorama alternativo e outras formacións emerxentes constitúen un cartel que procura atraer tanto o público mozo coma o veterano e no que tamén presentes os artistas locais EQX, Methone e Scairon Johanson.
Actividades complementarias e entradas
Outra das novidades desta vindeira edición é a disposición dunha zona de campismo á beira do recinto principal do festival e moi próxima á zona de baño da praia fluvial da Cova, na espectacular paraxe do Cabo do Mundo.