Nova: A Xunta publica o texto do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘A Peste’ na colección ‘O Papel do Teatro’
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
15/07/2022
A Xunta publica o texto do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘A Peste’ na colección ‘O Papel do Teatro’
O volume, coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Edicións Positivas, recolle a adaptación dramática asinada por Cándido Pazó da novela de Albert Camus
O exemplar, ademais de incluír o texto da peza, recolle artigos asinados polo director da compañía da Xunta de Galicia, Fran Núñez, e polo director da montaxe, Cándido Pazó, así como unha relación dos compoñentes tanto do equipo artístico como do técnico da produción interpretada por Nacho Castaño, Evaristo Calvo, Rebeca Montero, Miquel Insua, Casilda G. Alfaro, Tone Martínez, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Marcos Orsi, Salvador del Río, María Roja, Santi Romay, Paku Granxa, Carlos Sante e Luis Iglesia B.
A versión teatral de Cándido Pazó ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e mais da conduta dos individuos en situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a peza relata os sucesos na cidade de Orán durante unha praga que asedia a urbe e empurra a súa cidadanía cara a unha estrita corentena. O texto céntrase na forma de actuar das persoas confinadas, na loita contra a enfermidade e nas diferentes vías que se atopan para a supervivencia: dende a pelexa egoísta até o esforzo comunitario.