Nova: O CGAI afonda na relación entre cinema e pintura

10/03/2015

O CGAI afonda na relación entre cinema e pintura

Co gallo da exposición 'O primeiro Picaso. 2015' o novo ciclo arranca na sede da Filmoteca de Galicia con ‘Fraude’, o filme de Orson Wells sobre o falsificador de cadros Elmyr de Hory que é, á súa vez, un falso documental sobre Pablo Picasso

O programa desenvolverase ata mediados de abril arredor dunha decena de títulos, a través dos que se propoñen diferentes vías de achegamento ao universo pictórico máis alá das películas biográficas máis convencionais

‘Mr. Turner’, ‘Shirley, visiones de una realidad’, ‘National Gallery’, ‘Cézanne’, ‘Una visita al Louvre’ ou ‘The Seventh Walk’ proxectaranse tamén neste especial, que ofrecerá a curta ‘Lluvia’ de Granell e as películas pintadas a man por Stan Brakhage
 

  • O CGAI proxectará un falso documental sobre Picasso O CGAI proxectará un falso documental sobre Picasso

A Coruña, 10 de marzo de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) desenvolverá desde esta semana e ata mediados de abril o ciclo ‘Cine e pintura’ que, coincidindo coa exposición ‘O primeiro Picasso’ no Museo de Belas Artes da Coruña, busca achegarlles aos espectadores diferentes visións do universo pictórico baixo o prisma cinematográfico. Con tal fin, a filmoteca da Consellería de Cultura e Educación seleccionou unha decena de títulos que propoñen unha reflexión sobre a relación entre estas dúas artes, máis alá das películas biográficas habitualmente asociadas a esta temática.

O especial dará comezo hoxe martes na sede coruñesa do CGAI cunha dobre sesión ás 18.00 e ás 20.30 horas de ‘Fraude’, última película acabada por Orson Welles, na que o director xoga coa ficción e a realidade nunha demostración da natureza manipuladora do cinema. Neste documental arredor do falsificador de cadros Elmyr de Hory e do seu biógrafo, Clifford Irving, autor ademais da fraudulenta biografía de Howard Hughes, insírese un falso documental sobre o propio Pablo Picasso.

Xunto co filme de Orson Welles, que é así mesmo un anticipo da retrospectiva que se lle dedicará en abril ao gran cineasta estadounidense con motivo do centenario do seu nacemento, mañá exhibirase a curtametraxe ‘Lluvia’, asinada en 1961 polo pintor surrealista galego Eugenio Granell nun exercicio que converte cinema e pintura nun todo.

Do lenzo á pantalla
De seguido, este mércores día 11 o ciclo programará tamén en sesión dobre (18.00 e 20.45 horas) o filme de Mike Leight ‘Mr. Turner’, que ademais de ofrecer unha biografía do pintor J.M.W. Turner, suxire a través da súa dirección de fotografía unha translación á pantalla da luz do mítico paisaxista inglés. Nesta mesma liña sitúanse outros dous títulos desta escolma: ‘Shirley: visiones de una realidad’ (24 de marzo), onde o realizador austríaco Gustav Deutsch converte os cadros de Edward Hopper en fragmentos da biografía dunha actriz norteamericana, e ‘The Seventh Walk’ (21 de abril), do cineasta indio Amit Dutta, filmado nos mesmos escenarios que serven de inspiración ao pintor Paramjit para procurar equivalencias visuais entre pintura e cinema.

Diferentes son as perspectivas sobre a relación entre estas artes que nos achegan as dúas películas do matrimonio Straub-Huillet que poderán verse no Centro Galego de Artes da Imaxe o 14 de abril. Tanto ‘Cézanne’ como ‘Una visita al Louvre’ parten de textos de Joachim Gasquet, pero mentres a primeira delas se centra no proceso creativo, a segunda detense no acto mesmo de contemplar un cadro pendurado nas paredes dun museo.

Tamén o documental de Frederick Wiseman ‘National Gallery’, programado para o 25 de marzo, se interroga sobre a posición do público e, especialmente, sobre a función dunha grande institución museística na transmisión e difusión das obras do pasado que han de superar a barreira do tempo para seren comprendidas polos espectadores de hoxe en día.

O programa ‘Cine e pintura’ complétase coas dúas sesións do 17 de abril dedicadas ao cineasta norteamericano Stan Brakhage, quen desde primeiros de 2014 vén sendo obxecto de atención continuada por parte do CGAI dentro da sección Desencadres. Desta volta, exhíbense as súas películas pintadas a man, nas que se centrou de maneira significativa durante os últimos quince anos da súa vida.

A programación completa pode consultarse no web www.cgai.org.

Comparte