Nova: A Xunta apoia con 150.000 euros a temporada lírica da Coruña para a 70ª edición que abre mañá a soprano Asmik Grigorian
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
31/08/2022
A Xunta apoia con 150.000 euros a temporada lírica da Coruña para a 70ª edición que abre mañá a soprano Asmik Grigorian
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse cos representantes da directiva da Asociación Amigos de la Ópera para valorar a colaboración deste ano no marco do Xacobeo 2021-2022
A recoñecida cantante armenio-lituana protagoniza a primeira dunha quincena de citas co bel canto, entre as que destacan tamén a posta en escena da ópera Norma, a versión concerto de ‘A forza do destino’ e ‘Ariodante’, a gala de conmemoración do 70º aniversario e o recital do tenor francés Roberto Alagna
A Coruña, 31 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia repite como principal entidade colaboradora da Temporada Lírica da Coruña, á que este ano achega 150.000 euros a través do convenio asinado coa Asociación Amigos de la Ópera. O Goberno galego contribúe así á conmemoración do 70º aniversario deste programa, que arranca mañá mesmo co recital da soprano armenio-lituana Asmik Grigorian no Teatro Rosalía Castro.
Unha quincena de citas ata decembro
A 70ª Temporada Lírica da Coruña ofrecerá unha quincena de citas ata o mes de decembro, entre recitais, galas e actividades formativas. Ademais de Asmik Grigorian, premio á mellor cantante feminina nos International Opera Awards de 2019, esta mesma semana o Teatro Colón acollerá o día 3 a versión concerto de A forza do destino, de Guiseppe Verdi, con dirección de Guiseppe Finzi e con Angela Meade, Alejandro Roy e Borja Quiza nos papeis principais.
Tras a celebración da Gran Gala Lírica o 10 de setembro baixo a batuta de Pérez Sierra, os días 22 e 24 deste mes chegará outro dos pratos fortes da programación coa escenificación no Teatro Colón da ópera Norma, de Bellini, título emblemático do repertorio universal, coa súa mítica aria Casta Diva. José Miguel Pérez Sierra asumirá a dirección desta obra, coa música da Orquestra Sinfónica de Galicia e as voces de Veronika Dzhioeva, Nicole Brandolina, Moisés Marín, Rubén Amoretti e o Coro Gaos.