Nova: A Xunta executa obras de restauración da igrexa do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nas que inviste 316.000 euros

31/08/2022

A Xunta executa obras de restauración da igrexa do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nas que inviste 316.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a intervención ten por obxecto corrixir as patoloxías detectadas para garantir a conservación e promoción cultural do ben

Lourenzá (Lugo), 31 de agosto de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a executar obras de restauración da igrexa do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nas que inviste 316.100 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que se centran en corrixir as patoloxías existentes para garantir a conservación do ben e favorecer a súa promoción cultural. O delegado estivo acompañado pola alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e representantes da asociación Patrimonio Laurentino, entre outras persoas.

 

A intervención ten como principais finalidades eliminar os danos estruturais existentes nas fábricas de cantería da nave lateral sur e a supresión de filtracións de auga de chuvia a través da súa cuberta. Tamén a restauración da lanterna situada sobre a cúpula do cruceiro, a reparación de humidades interiores e a renovación integral da instalación eléctrica.

 

Arias lembrou que o mosteiro de San Salvador de Lourenzá está considerado Monumento Histórico Artístico nacional dende o ano 1974 e representa un elemento de especial interese no ámbito do Camiño Norte. Subliñou o compromiso da Consellería “coa preservación do noso patrimonio, que ademais supón un recurso turístico de primeira orde”.

 

Actuacións propostas

Entre as actuacións concretas que se propoñen, no caso da lanterna contémplase a reconstrución do cupulín e entaboado, a restauración das capintarías e ferraxes e a incorporación dun sistema de ventilación.

 

Tamén o selado de gretas e xuntas na nave da epístola e o triforio; e o selado da greta do muro sur con inxección de morteiro de cal. A nova acometida eléctrica completarase con proxectores led para retablos, a nave principal, o cruceiro e o presbiterio, e na planta superior nas naves laterais e a tribuna. Así mesmo, intervirase na cuberta para evitar as entradas de auga nas naves laterais, entre outros traballos de mellora.

 

As actuacións comezaron pola realización dos estudos previos e está previsto que finalicen de cara ao vindeiro outono.

Comparte