Nova: A mostra fotográfica ‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ deixa o domingo a Cidade da Cultura logo de recibir máis de 15.000 visitas este verán

02/09/2022

A mostra fotográfica ‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ deixa o domingo a Cidade da Cultura logo de recibir máis de 15.000 visitas este verán

Un total de 140 instantáneas de fotógrafos consagrados e emerxentes convidan a descubrir a historia, as xentes e o patrimonio da Ruta Xacobea de maior percorrido, de Sevilla a Compostela
 

A mostra reúne obras de pioneiros como Jean Laurent e Nicolás Muller canda traballos actuais destacados da fotografía artística e documental de autores como Carmenchu Alemán, Fernando Manso, Tofiño, Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto
 

Organizada pola Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 21-22, pódese visitar de maneira gratuíta ata o domingo 4 de setembro no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022 A exposición fotográfica A Vía da Prata. Aires do Sur pecha as súas portas este domingo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura logo de ser visitada por máis de 15.000 persoas desde xuño. Composta por 140 instantáneas de 40 figuras clásicas e contemporáneas, a mostra recupera e celebra as tradicións, as festas, os oficios, as paisaxes e o patrimonio monumental e cultural dos pobos e cidades que atravesa a Ruta Xacobea de Sevilla a Santiago de Compostela.

 

Comisariada pola historiadora e documentalista Lucía Laín, trátase dun proxecto que conxuga arte e memoria para dar a coñecer e pór en valor un dos itinerarios que mellor representa a diversidade do Camiño de Santiago. Deste xeito, reúne traballos de recoñecidos fotógrafos de finais do século XIX e do XX como Nicolás Muller, José Suárez, Otto Wunderlich ou Jean Laurent, entre outros, canda obras de nomes destacados na fotografía documental e artística contemporánea como Carmenchu Alemán, Anna Turbau, Vicente López Tofiño, Fernando Manso ou os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto.

 

A Vía da Prata. Aires do Sur permite tamén coñecer algunhas das figuras emerxentes da fotografía actual en España, como Laura Martínez Lombardía, Javier Berasaluce ou os galegos Antón Buciños, Brais Lorenzo, Tere Fernández, Miguel Muñiz, Iñaki Matilla, Manuel G. Vicente, Roberto de la Torre e Luis Otero.

 

Todos eles dan forma a un carrusel de imaxes que sitúa o visitante de maneira intencionada no punto de vista dun peregrino curioso e atento que percorre os mil quilómetros de Sevilla a Santiago reparando nas xentes, vilas e paisaxes do camiño.

  

Redescubrir o patrimonio e a paisaxe

A través da fotografía rememórase o pasado e descúbrense novas olladas sobre monumentos como a Torre del Oro de Sevilla, a catedral de Ourense, o acueduto de Mérida ou os vestixios da primitiva calzada romana que deu orixe á Vía da Prata, e sobre tradicións como Las Purificás de Monroy (Cáceres), o Zangarrón de Montamarta (Zamora) ou o entroido en Laza e Viana do Bolo.

 

O patrimonio natural e o arquitectónico están presentes tamén nas fotografías de paisaxes, montañas, mosteiros e igrexas que se cruzan na ruta como Trevinca, A Gudiña, Montederramo, o mosteiro de Carboeiro en Silleda ou a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz.

 

A Vía da Prata. Aires do Sur pode visitarse de balde ata o domingo 4 de setembro no terceiro andar do Museo Centro Gaiás, de 10,00 a 20,00 horas. Logo da súa estadía na Cidade da Cultura, está previsto que a mostra viaxe tamén a outras localidades deste itinerario xacobeo.

Comparte