Nova: O cineasta Oliver Laxe reúne nos Ancares 16 creadores para a primeira edición das residencias ‘Proxectos creativos esenciais’ co apoio da Xunta

03/09/2022

O cineasta Oliver Laxe reúne nos Ancares 16 creadores para a primeira edición das residencias ‘Proxectos creativos esenciais’ co apoio da Xunta

O encontro que organiza a Asociación Ser terá lugar ata o día 10 na Casa Quindós, en Navia de Suarna, alternando a asesoría nos campos de guión, produción ou financiación audiovisual con sesións de ioga, proxeccións de cine e actividades de conexión co rural

O cineasta Oliver Laxe reúne estes días nos Ancares 16 creadores multidisciplinares procedentes de diferentes puntos de Galicia e do resto de España, así como de Bélxica, Cuba e Venezuela, para participar na primeira edición das residencias de desenvolvemento de proxectos cinematográficos Proxectos creativos esenciais. Organizada pola Asociación Ser co apoio da Xunta de Galicia, a iniciativa celébrase ata o vindeiro día 10 na aldea de Vilela, en Navia de Suarna, co obxectivo de asesorar os participantes no proceso de posta en marcha das súas respectivas obras cinematográficas, ao tempo que se lles dá a oportunidade de establecer sinerxías cos procesos dos demais participantes.

O encontro estase a desenvolver na Casa de Quindós, antigo fogar familiar do propio Laxe e sede da Asociación Ser, cuxo enclave en plena montaña dos Ancares convértena nun lugar propicio para fomentar a reflexión, a creatividade e o intercambio de ideas.

O retiro de traballo formúlase como un laboratorio creativo, conducido polo propio Oliver Laxe, ao redor das intuicións, as intencións, as ideas e as pulsións que cada participante quere filmar. Ademais, as xornadas de asesoría abordan distintos aspectos do proceso cinematográfico, desde a escrita de guión, a posta en escena e a xestión interpretativa do elenco, pasando pola produción ou a financiación. O programa inclúe tamén sesións de meditación e ioga, proxeccións de cine e outra serie de actividades lúdicas e de conexión coas tradicións e traballos do rural.

Oliver Laxe é, xunto a Víctor Erice, o único cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras películas, e o único premiado en todas as súas participacións. Co seu último traballo, O que arde, recibiu o Premio do Xurado na sección Un Certain Regard de Cannes e competiu nos festivais internacionais más relevantes do mundo, gañando numerosos galardóns. Laxe, quen tamén dirixiu as películas Todos vós sodes capitáns e Mimosas, traballaactualmente na súa cuarta longametraxe, After.

Comparte