Nova: O Centro Coreográfico Galego retoma o seu plan de formación continua cun curso de baile tradicional impartido por Fran Sieira na Coruña e Ourense
04/09/2022
O Centro Coreográfico Galego retoma o seu plan de formación continua cun curso de baile tradicional impartido por Fran Sieira na Coruña e Ourense
Arranca mañá na sede coruñesa da unidade de danza da Xunta, onde se desenvolverá ata o día 9, e celebrará unha última xornada o sábado 10 no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade das Burgas
O curso de danza clásica con Lázaro Carreño e o obradoiro sobre a técnica `flying low’ con Leodan Rodríguez completarán a oferta deste mes
Este programa formativo, que en 2022 se estende a cinco cidades, diríxese prioritariamente aos profesionais do sector con oito iniciativas ata final de ano
A Coruña, 4 de setembro de 2022
O Centro Coreográfico Galego retoma mañá o seu programa formativo anual cun curso de baile tradicional a cargo do director, coreógrafo e bailarín Fran Sieira, que se desenvolverá ata o venres 9 na sede coruñesa da unidade de danza da Xunta de Galicia e o sábado 10 se trasladará a Ourense para unha xornada final no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Este é o terceiro dos oito encontros técnicos previstos este ano no marco deste programa, dirixido prioritariamente a profesionais do sector, que deu comezo o pasado mes de xullo con dous cursos sobre prevención de lesións con Mª Jesús Peces-Barba e de análise coreográfica con Iker Gómez. Como novidade en 2022, estas accións formativas estenden o seu campo de acción a cinco cidades, en liñas co obxectivo de descentralización das actividades do Centro Coreográfico Galego que se acordou co sector como unha das medidas que recollerá o Plan Integral para a Danza de Galicia.
Neste sentido, durante este segundo semestre do ano a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsará citas na Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela co fin de fornecer as aptitudes técnicas dos participantes en ámbitos como o coidado físico do corpo, a danzaterapia, o baile tradicional, as modalidades clásica e contemporánea ou a produción, a xestión e a distribución de espectáculos.
Historia e innovación
Baixo o título A danza galega, tradición e vangarda, o curso impartido por Fran Sieira explorará as claves fundamentais do baile galego, así como as súas diferentes manifestacións ao longo da historia, e as novas tendencias que impregnan a tradición. A mestizaxe será, polo tanto, o fío condutor dun curso que se desenvolverá ao longo de seis xornadas en horario de 10,00 a 11,45 h. e de 12,15 a 14,00 h.
Fran Sieira é xa un nome de referencia no sector da danza en Galicia. Dentro da súa ampla experiencia profesional, cómpre destacar o seu traballo de bailador na montaxe Isolma, da compañía de Baile GS21 en 2007, e nas pezas Alén da Croa e Amizade, da compañía de Quique Peón ou na produción Son, de Nova Galega de Danza. En 2017 creou a súa propia formación, Fran Sieira compañía de Danza, que ese mesmo ano estreou o seu primeiro espectáculo, EntreSoños, ao que lle seguiu en 2021 DeMente.
Outros dous encontros en setembro
Lázaro Carreño será o seguinte docente que pase pola sede do Centro Coreográfico Galego dentro do seu programa formativo. O mestre cubano, experimentado bailarín do Ballet Nacional de Cuba, conducirá entre o 12 e o 16 de setembro un achegamento ao ámbito da danza clásica. O día 24, celebrase no mesmo recinto unha sesión sobre os patróns de movemento na técnica do Flying Low a cargo do bailarín e coreógrafo, tamén de orixe cubana, Leodan Rodríguez.
Xa en outubro, a Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá o obradoiro Dedícome á coreografía, e agora que?, no que se tratarán aspectos de produción, xestión e distribución de compañías de danza da man dos xestores culturais Uxío Novo e Manuel Lago. Tamén en outubro, a bailarina e coach Laura Llauder visitará a Escola de Danza Media Punta de Vigo para ofrecer un curso de danzaterapia.
A última das citas celebrarase na Coruña do 19 ao 23 de decembro a cargo de Beatriz Churruca e Igor Calonge. Será un taller de danza contemporánea sobre a recapacitación profesional neste sector.