Nova: A exposición ‘Santiago de Compostela no Tempo’ encara os seus últimos días antes de despedirse este sábado

06/09/2022

A exposición ‘Santiago de Compostela no Tempo’ encara os seus últimos días antes de despedirse este sábado

Organizada pola Xunta e A Fundación e comisariada por Manuel Gago, a mostra exhibe pezas históricas e valiosa documentación

Aberta na rúa do Vilar, inclúe obxectos de alta cultura como relicarios dos séculos XI e XIX procedentes de Bélxica, ou o baleirado do petróglifo de Conxo, de 1935

 A exposición é a primeira do proxecto 'Cidades no tempo’ que engloba mostras nas sete principais cidades para reivindicar a Galicia urbana
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022 Este sábado remata a exposición de Santiago de Compostela no tempo, a mostra organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, Obra Social ABANCA, e que fai un percorrido pola orixe, historia e evolución da cidade a través dunha escolma de 100 pezas.

A exposición convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega cun apaixonante relato que abrangue todo un universo de costumes, relacións e vivencias achegando obras de arte únicas, algunhas procedentes do estranxeiro, obxectos históricos icónicos, fotografías, gravacións ou documentación antiga. Trátase dunha selección de materiais que desvelan como se conformou a vida en Santiago ao longo do tempo a partir dos seus grandes polos: o Goberno galego, a Universidade e a Catedral xunto co Camiño.

Comisariada por Manuel Gago e instalada na sede de Afundación en Santiago, Santiago de Compostela no tempo é a primeira das sete mostras que constitúen o proxecto Cidades no tempo, unha das principais iniciativas culturais do Xacobeo 21-22 é tamén un dos proxectos expositivos máis complexos desenvolvidos en Galicia nos últimos anos. Baixo este nome reúnense sete exposicións, unha por cada unha das principais cidades galegas, que terán continuidade proximamente en Ferrol. Todas reivindican a Galicia urbana, oculta con frecuencia tras o tópico que presenta a Comunidade como un territorio exclusivamente rural.

A proposta fai posible comprender como se viviu e conviviu en Compostela ata a actualidade percorrendo distintas seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios ou Cidade narrada), con perspectivas procedentes de eidos do coñecemento diferentes (Historia, Arte, Urbanismo, Socioloxía...), pero tamén escoitando as voces dos seus habitantes.

 

 

Obxectos históricos e documentación antiga

Santiago de Compostela no tempo ofrécenos a ocasión de contemplar obxectos únicos, a miúdo de difícil accesibilidade. Procedente da Universidade de Santiago, pódese contemplar a Campá da Universidade (1600) que en tempos funcionou a modo de reloxo da vida estudantil, e que nunha cidade tan rica en arquitectura relixiosa representa unha das poucas campás laicas.

Nas vitrinas atopamos dous relicarios (do S.XI e do S.XIX), pezas internacionais procedentes de Bélxica,  testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do Apóstolo a Liexa en 1056. Xunto a elas, un dos obxectos máis representativos das primeiras etapas da ciencia arqueolóxica galega: o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935), reprodución realizada por Ramón Sobrino Buhigas.

Ademais, o visitante descubrirá documentos antigos, como planos orixinais de edificios emblemáticos que teñen que ver con ámbitos esenciais para a vida da cidade, como a educación, así como co deseño de servizos como a rede de subministro de auga e luz ou a chegada do tren.

Mesas interactivas

A proposta preséntase como unha clara intención de somerxer de pleno ao visitante na cidade a través de dúas mesas interactivas nas que poderán explorar os elementos da exposición e incluso retarse a recoñecer algunhas das imaxes características da estética compostelá, que se presentan no apartado Padróns.  Ademais, poderase achegar á vida de Santiago a través dos relatos da propia veciñanza.

Comparte