Nova: A Xunta inaugura en Ourense a mostra itinerante ‘Compromiso na distancia’ sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán
09/09/2022
A Xunta inaugura en Ourense a mostra itinerante ‘Compromiso na distancia’ sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán
Esta exposición, que se pode visitar na Biblioteca Pública de Ourense Nós ata o 29 de setembro, fai un repaso pola vida e obra do autor
Logo desprazarase ao Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova
Ourense, 9 de setembro 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Ourense na inauguración da mostra itinerante Compromiso na distancia sobre a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022 Florencio Delgado Gurriarán.
Situada agora na Biblioteca Nós, esta mostra poderá visitarse en Ourense ata o 29 de setembro, logo de pasar por varios centros da Rede Galega de Bibliotecas de Galicia e concellos da Rede de Dinamización Lingüística de ata 10 localidades galegas diferentes. Enmárcanse nas máis de 150 actividades da programación especial das Letras Galegas 2022 que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra do homenaxeado o 17 de maio
A mostra consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.
O texto central e a documentación correu a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.
Tras o seu paso pola cidade das Burgas, Compromiso na distancia percorrerá diferentes localidades galegas, en concreto, o Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e, finalmente, Celanova.