Nova: O ciclo de conferencias sobre María Casares organizado pola Xunta reanúdase o mércores con Tina Sainz e José Luis Méndez Romeu

16/09/2022

O ciclo de conferencias sobre María Casares organizado pola Xunta reanúdase o mércores con Tina Sainz e José Luis Méndez Romeu

A actriz madrileña, que traballou con ela en ‘El Adefesio’ a primeira vez que volvía a España despois do exilio, e Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura, achegarán a visión persoal e profesional



O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a nova sesión o mércores 21 ás 19,30 horas, con entrada de balde



Continúa así esta iniciativa que se estenderá ata novembro, no marco da conmemoración do centenario da artista

A Coruña, 16 de setembro de 2022 O ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura.

 

A actriz madrileña Tina Sainz foi grande amiga de María Casares, coa que interpretou El adefesio de Alberti en Madrid en 1976, primeira vez que a artista volvía a España despois do exilio. Comezou e desenvolveu boa parte da súa carreira profesional no teatro, pero o seu rostro fíxose moi popular grazas á televisión onde era habitual vela no programa Estudio 1. Tamén se prodigou no cinema onde foi dirixida por Pedro Lazaga, Pedro Masó, Eloy de la Iglesia ou José Luis Garci, entre outros. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa carreira figuran a Medalla ao Mérito das Belas Artes, a Medalla de Ouro de Valladolid, o Premio da Crítica do Festival de Televisión de Montecarlo, entre outros. Tamén foi nominada aos premios Goya en dúas ocasións.

 

Pola súa banda José Luis Méndez Romeu, doutor en Literatura e licenciado en Filosofía, Letras e Ciencias da Educación, ten investigado en varias ocasións sobre a figura de María Casares. Foi concelleiro de Educación e Cultura no Concello da Coruña, secretario de Estado de Cooperación Territorial e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Tamén en 2021 se doutorou en Literatura en lingua española e literatura comparada coa tese titulada Valle-Inclán na ópera: problemas de tradución intersemiótica, un traballo no que Méndez Romeu estuda as adaptacións á ópera do creador do esperpento.

 

Conferencias ata fin de ano

O ciclo María Casares. Do exilio ao escenario prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. Tras esta cita, en outubro será a quenda de María Lopo, especialista na figura de María Casares, e o dramaturgo Borja Ortiz de Gondra. O peche porano en novembro o músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e a catedrática María Delgado.

 

Xunto a estas propostas, a programación prevista pola Xunta ofrece durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorren toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

Comparte