Nova: Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta para garantir unha oferta cultural diversa e de calidade
20/09/2022
Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta para garantir unha oferta cultural diversa e de calidade
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita as obras de mellora da Casa da Cultura de Ordes, onde o Goberno galego inviste 250.000€
A actuación lévase a cabo ao abeiro dun convenio co Concello para mellorar a eficiencia enerxética e solucionar os problemas de illamento, acústica e visibilidade
Está previsto que os traballos rematen a finais do mes de outubro
Ordes (A Coruña), 19 de setembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a Casa de Cultura de Ordes, onde o Goberno galego impulsa traballos de acondicionamento cun investimento de 250.000€. Trátase dunha actuación que se leva a cabo ao abeiro dun convenio co Concello de Ordes e que, no seu conxunto, conta cun orzamento superior aos 420.000€.
Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura destacou o “firme compromiso” da Xunta de Galicia para garantir unha oferta cultural diversa e de calidade en todos os municipios. “Un dos nosos obxectivos é universalizar a cultura, fomentar que poida ser accesible para todos e tamén garantir que o noso apoio chegue do mesmo xeito ao rural”, expresou Román Rodríguez.
Con esta actuación, que está previsto rematar a finais do mes de outubro, a Xunta de Galicia mellora os servizos dos veciños de Ordes no eido cultural. En concreto, os traballos céntranse en solucionar os problemas derivados de illamento, acústica e visibilidade. Ademais, tamén se mellora a eficiencia enerxética do edificio instalando un novo aire acondicionado e cambiando as butacas, o sistema de iluminación e as pantallas LED. Por último, colócase un chan térmico elevado que permitirá unha mellor visibilidade por parte do público.
A Casa da Cultura de Ordes é o único equipamento cultural do municipio e da comarca con capacidade para máis de 260 persoas. Ademais, a Xunta de Galicia tamén colabora co concello na programación de diversas actividades culturais e na renovación e mellora de entidades como a biblioteca ou o arquivo.