Nova: Román Rodríguez sitúa aos galardoados co Premio Novela Europea Casino de Santiago como exemplo de talento e promoción dos valores europeístas
20/09/2022
Román Rodríguez sitúa aos galardoados co Premio Novela Europea Casino de Santiago como exemplo de talento e promoción dos valores europeístas
O conselleiro de Cultura participa no acto de entrega da XV edición que recaeu nos escritores Luis Landero e Tatiana Tibuleac
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou no acto de entrega do XV Premio Novela Europea Casino de Santiago onde situou aos galardoados, os escritores Luis Landero e Tatiana Tibuleac, como exemplo de talento, reflexión e valores europeístas.
“Sexa desde Albuquerque, en Badaxoz, no caso de Luis Landero, ou de Moldavia, no de Tatiana Tibuleac, o retrato de ambos é dun gran talento e é de agradecer a súa gran achega á esfera cultural e literaria”, expresou o titular de Cultura da Xunta. Tamén gabou o papel da organización dos galardóns por promover e divulgar os hábitos lectores desde hai anos converténdose, ademais, nun “auténtico incentivo para o debate cultural e intelectual en Santiago”.
Neste sentido, recordou que na súa décimo quinta edición, o Premio Novela Europea do Casino de Santiago tense convertido nun escaparate de talento e de reflexión, onde “principios tan manifestamente necesarios como a concordia, o diálogo, a definición da identidade común e a apreciación da diversidade teñen sido obxecto de profundas conversas no marco deste premio”.
Román Rodríguez amosou o compromiso da Xunta por seguir apoiando esta iniciativa “porque cremos no impulso dos principios europeos desde a literatura e, por extensión, desde a cultura”, expresou.