Nova: Os traballos da Xunta no xacemento de Penas do Castelo, na Ribeira Sacra, sacan á luz unha entrada monumental
21/09/2022
Os traballos da Xunta no xacemento de Penas do Castelo, na Ribeira Sacra, sacan á luz unha entrada monumental
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade conta nesta campaña coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo
A actuación posta en marcha a principios deste mes dá continuidade á impulsada o pasado ano polo Goberno galego, na que se descubriu unha muralla de seis metros de ancho e permitiu datar a ocupación e habitación na Idade de Ferro
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022
Os traballos impulsados pola Xunta no xacemento de Penas do Castelo, unha zona arqueolóxica situada no concello da Pobra do Brollón incluída no ámbito da Ribeira Sacra, sacan á luz dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento.
A primeira sondaxe realizada ao abeiro desta actuación permitiu descubrir un muro exterior, situado fóra da muralla principal, que resultou ser unha primeira muralla defensiva de case un metro de grosor, e unha entrada a un recinto intermedio entre as dúas murallas. A segunda sondaxe, pola súa banda, sacou á luz as dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento.
Trátase de dúas estruturas excepcionais das que existen poucos exemplos con este nivel de monumentalidade e petrificación en relación á datación feitas o pasado ano. Ademais, combinadas crean un acceso ao nivel de monumentalidade da muralla principal que reforza a inexpugnabilidade deste misterioso xacemento.
Esta segunda campaña, que dá continuidade aos traballos impulsados o pasado ano, tamén incluíu unha terceira sondaxe nunha das terrazas interiores do xacemento na que se localizaron escouras de fundición e un nivel de palla-barro compacto do que se recolleron mostras para poder datalo.
Vinculación coa explotación mineral
Deste xeito, cómprese o obxectivo dos traballos iniciados a principios deste mes para analizar a funcionalidade dun xacemento situado nun entorno moi complicado, encaixado nunha pendente e que probablemente está vencellado á explotación de mineral, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral.
O xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo sitúase na parroquia de Salcedo, pertencente ao concello lucense da Pobra do Brollón, nun lugar estratéxico entre a Ribeira Sacra e a Serra do Courel pendurado sobre o curso do río Lor e a moi poucos quilómetros da súa desembocadura no río Sil en Augas Mestas.
A nivel de protección, este xacemento atópase no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Ademais, aparece recollido no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia e incluído no circuíto de visitas guiadas ofertadas polo Concello da Pobra do Brollón.