Nova: A actriz Tina Sainz e José Luís Méndez Romeu achegan a súa visión persoal e profesional sobre María Casares no ciclo da Xunta

21/09/2022

A actriz Tina Sainz e José Luís Méndez Romeu achegan a súa visión persoal e profesional sobre María Casares no ciclo da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da conferencia que reanuda esta iniciativa no marco da conmemoración do centenario da artista

Ata o mes de novembro celebraranse novos relatorios no Museo de Belas Artes con entrada de balde a cargo de estudosos sobre a figura da actriz

A Coruña, 21 de setembro de 2022

O ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz reanudouse hoxe tras o período estival coas intervencións da actriz Tina Sainz, e do doutor en estudos literarios José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Un acto que contou coa participación do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

 

O relatorio deu comezo coa intervención da actriz madrileña que traballou con María Casares en El adefesio de Alberti en Madrid en 1976, a que era a primeira vez que a artista volvía a España despois do exilio. Pola súa banda, José Luis Méndez Romeu afondou na traxectoria profesional de María Casares, unha artista da que ten investigado como doutor en Literatura e licenciado en Filosofía, Letras e Ciencias da Educación.

 

O ciclo María Casares. Do exilio ao escenario impulsado pola Xunta prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas a cargo de personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. Así, en outubro será a quenda de María Lopo, especialista na figura de María Casares, e o dramaturgo Borja Ortiz de Gondra. O peche porano en novembro o músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e a catedrática María Delgado.

Comparte