Nova: Nova edición no CGAC das Nerdnites Compostela

15/03/2015

Nova edición no CGAC das Nerdnites Compostela

Jorge Del Oro, Santiago Brage e Julio González Díaz ofrecerán tres relatorios sobre resolución de problemas, criminoloxía e matemáticas nunha linguaxe ao alcance de todos os públicos

  • Nova edición no CGAC das Nerdnites Compostela Nova edición no CGAC das Nerdnites Compostela

Santiago, 15 de marzo de 2015.- O vindeiro martes 17, ás 21.30 horas, terá lugar na Cantina do Centro Galego de Arte Contemporánea unha nova edición das Nerdnites Compostela. Nesta ocasión, Jorge Del Oro, Santiago Brage e Julio González Díaz, ofrecerán tres presentacións de 15 minutos sobre resolución de problemas, criminoloxía e matemáticas, respectivamente, dun xeito distendido e accesible para todos os públicos, procurando combinar aprendizaxe e lecer.

Concretamente, o biólogo molecular, Jorge Del Oro, dará unha pequena conferencia baixo o título ‘Búscate a vida. Resolución de problemas complexos por transferencia interdisciplinar’; o profesor de Dereito Penal e Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago Brage, ofrecerá un relatorio titulado ‘Érase unha vez? un crime!’; e o investigador Ramón y Cajal do Departamento de Estatística e Investigación Operativa, tamén da USC, Julio González Díaz, falaralles aos asistentes de ‘Matemáticas entremetidas: xogando co teu voto’. A actividade é de acceso libre e gratuíta até completar o aforo.

As Nerdsnites teñen a súa orixe nos Estados Unidos como opción de ocio e aprendizaxe sobre multitude de temas cun enfoque contemporáneo e divertido. Hai tres anos esta iniciativa chegou a Santiago de Compostela, cidade pioneira en España en acoller estes eventos. Desde o primeiro momento, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Universidade compostelá no desenvolvemento destas noites tan especiais, nas que os convidados falan co público de temas diversos como literatura, política, medicina, matemáticas, bioloxía ou arte nun ton distendido e fóra do ámbito académico. O desenvolvemento das mesmas ten como premisa a sinxeleza de conceptos e contidos.

Comparte