Nova: A Xunta modernizará o seu sistema de arquivos cun novo Plan que aposta pola dixitalización, o reforzo de medios materiais e persoais e a divulgación
20/10/2022
A Xunta modernizará o seu sistema de arquivos cun novo Plan que aposta pola dixitalización, o reforzo de medios materiais e persoais e a divulgación
- A folla de ruta, aprobada no Consello da Xunta de hoxe, mellorará a xestión da información arquivada do Goberno autonómico, composta actualmente por máis de 164.000 metros lineais de documentación distribuídos en 1.026 locais
- Aplicarase nos centros xestionados pola Xunta: 12 arquivos centrais, que corresponden ás distintas consellerías, seis territoriais das delegacións, catro históricos provinciais e o Arquivo de Galicia
- Ten un horizonte ata 2026 e está estruturado en tres liñas estratéxicas e 40 accións
- Porase en marcha un plan de formación continua adaptada ás necesidades do persoal, avaliarase a necesidade de ampliación de espazos e apostarase por facilitar o acceso a estes materiais á cidadanía xeral
O Consello da Xunta vén de aprobar o novo Plan de Arquivos da Xunta de Galicia 2022-2026, a folla de ruta que modernizará e optimizará a xestión deste servizo para o que se porá o foco na dixitalización documental así como en facilitar o acceso aos documentos e á información que conteñen os centros arquivísticos xestionados pola Administración autonómica, un total de 23 con máis de 164.000 metros lineais de documentación.
O novo plan ten un horizonte ata 2026, está estruturado en tres liñas estratéxicas e 40 accións. Ademais de materiais en papel, integra tamén os documentos producidos a través da administración dixital e afronta a conservación do patrimonio en ambos formatos ou soportes, papel e electrónico.
Á hora de redactar este plan tívose en conta o actual volume de produción documental da Xunta de Galicia así como o control da súa xestión e as condicións de conservación e custodia. Detectouse que existen 164.346 metros lineais de documentación na Xunta, dos que 58.952 corresponden a servizos centrais e 105.394 aos servizos provinciais. Esta documentación custódiase en 1.026 locais destinados ao depósito documental.
Organización dos recursos
Tamén se analizou a actual dotación de recursos materiais e humanos e o tipo de servizos que se prestan. Tras a diagnose, fixáronse as tres liñas estratéxicas en torno a tres grandes retos. Así, por unha banda, o plan terá unha primeira liña na que se ordenarán os recursos coa intención de reforzar os medios materiais e persoais. Inclúense accións como deseñar un plan de formación continua adaptado ás necesidades do persoal, fomentar a especialización ou dotar de prazas de persoal de arquivos. No que se refire aos medios materiais, avaliarase a necesidade de ampliación de espazos, melloraranse medios como os equipos de reprografía e dos laboratorios de restauración dos arquivos e tamén se impulsará o mantemento.
A segunda liña estratéxica céntrase na xestión dos arquivos, con tres obxectivos principais: optimizar a organización, mellorar a xestión documental e simplificar, dixitalizar e automatizar procesos. Entre as accións inclúese a actualización do censo dos arquivos ou a planificación de actuacións de conservación preventiva e restauración. Finalmente, a terceira liña potenciará a difusión do material documental. Neste sentido, realizaranse iniciativas dirixidas a promocionar os servizos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia na cidadanía, para promover o coñecemento, o acceso e o uso do patrimonio documental de Galicia con fins educativos e didácticos, entre outros.
Plan participativo
Todas estas medidas se aplicarán nos centros xestionados pola Xunta, un total de 23, dos cales 12 son arquivos centrais, que corresponden ás distintas consellerías; seis son territoriais dependentes das delegacións, así como os catro arquivos históricos provinciais e o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura.
No marco deste plan, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 4,3M€ anuais aos seis arquivos que xestiona, o que ascende a un investimento global de case 22M€.
Na redacción do plan participaron activamente os profesionais dos servizos arquiveiros da Xunta de Galicia. Analizouse e reflexionouse sobre o contido no marco de dous grupos de traballo, un deles creado de xeito específico para a elaboración do plan e outro no que se debaten as propostas de avaliación documental. O borrador foi sometido ao Consello de Arquivos de Galicia e conta cos informes preceptivos