Nova: Dúas exposicións homenaxean a 'Fuxan os ventos' e a Florencio Delgado Gurriarán en Lugo

22/10/2022

Dúas exposicións homenaxean a 'Fuxan os ventos' e a Florencio Delgado Gurriarán en Lugo

O secretario xeral de Política Lingüística participa na inauguración de ambas as mostras que poderán visitarse de balde

’Compromiso na distancia’, que forma parte da programación das Letras Galegas 2022, estará na Biblioteca Pública de Lugo ata o 10 de novembro

‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’ réndelle homenaxe a unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega no Vello Cárcere ata o 22 de xaneiro
 

Lugo, 22 de outubro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na inauguración da exposición Fuxan os Ventos. 50 anos de historia, unha mostra coorganizada pola Xunta de Galicia e o Concello de Lugo coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o apoio da Deputación de Lugo para homenaxear a unha das agrupacións folclóricas máis emblemáticas da música galega.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recalcou a importancia que tivo Fuxan os Ventos “na dignificación da lingua galega, que empregaron sistemáticamente nas súas composición”, uns temas “que foron tremendamente exitosos, ata o punto de que toda unha xeración os coñecía e os repetía en encontros, excursións e festas”. O acto estivo amenizado por unha actuación da propia agrupación musical.

 

Fuxan os Ventos. 50 anos de historia poderá visitarse de balde desde hoxe ata o 22 de xaneiro nas instalacións do Vello Cárcere. A mostra, que homenaxea o medio século desde a primeira actuación da agrupación o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, conta con fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos que adentran o visitante na cronoloxía e no universo creativo dos artífices de discos tan coñecidos coma Galicia canta ó neno ou Sementeira.

 

Pechando o ano de Florencio Delgado Gurriarán

Lugo tamén acolle desde hoxe a mostra itinerante da Xunta Compromiso na distancia , que percorre a vida e figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán.O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou a Biblioteca Pública de Lugo acompañado da súa directora, María Isabel Pérez Fórneas, para inaugurar a dita exposición, que permanecerá na biblioteca lucense ata o próximo 10 de novembro. De aí pasará a Pontevedra e, finalmente, pechará a súa itinerancia en Celanova.

 

A mostra, que se enmarca nas máis de 150 actividades da programación das Letras Galegas 2022 impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

Comparte