Nova: O Gaiás acolle a entrega dos premios Lingua de namorar

18/03/2015

O Gaiás acolle a entrega dos premios Lingua de namorar

Trátase dun certame de declaracións de amor na rede, e en galego

O acto de entrega dos galardóns foi conducido pola escritora Yolanda Castaño

Enmárcase nas medidas de promoción de uso do galego que recolle o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016 e ten como finalidade dinamizar o idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas TIC

  • Entrega dos premios Lingua de namorar Entrega dos premios Lingua de namorar
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, entregaron os premios do certame de 'Lingua de Namorar' O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, entregaron os premios do certame de 'Lingua de Namorar'

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015.- A Xunta de Galicia celebrou o acto de entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, convocado polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais de Traballo e Benestar, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente.

A entrega, que conduciu a escritora Yolanda Castaño, celebrouse na Sala Eisenman coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González-Loroño; e das seis autoras das mensaxes elixidas polo xurado de entre as 50 máis votadas. A interpretación en directo destes seis textos gañadores, que se poden ler en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html, correu a cargo do cantautor Manoele de Felisa.

Dinamizar o galego na mocidade
“Lingua de namorar busca aumentar a presenza da lingua galega en internet e aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, tal e como sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega”.

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou que a Lei de Xuventude de Galicia aprobada en 2012 establece por primeira vez a promoción do uso do galego entre a mocidade como eixo prioritario da acción do goberno da Xunta”. Rodeiro tamén agradeceu a participación neste certame dos mozos e mozas e destacou a súa enorme capacidade creativa.

Premios á creatividade en galego da mocidade
A terceira edición do concurso Lingua de namorar, na que participaron preto dun milleiro de mozos e mozas durante as tres semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes, recolleu nas súas bases dúas categorías de idade.

Na categoría A, de 14 a 19 anos, gañou o primeiro premio Marta Gómez Martín (Pontevedra), coa mensaxe “Atea”; a gañadora do segundo premio foi Saray Díaz Canosa (Narón), pola mensaxe “Ego”; e a gañadora do terceiro premio foi Sabela Domínguez Souto (Verín), pola mensaxe “O meu ritmo”. Recibiron, respectivamente, unha cámara somerxible Fujifilm FinePix XP70 e mais unha actividade de aventura para dúas persoas; unha tableta para lectura Kindle con pantalla táctil de 6 polgadas e unha videocámara de deporte dixital impermeable, amais dun diploma acreditativo e cadanseu lote de libros.

Na categoría B, de 20 a 35 anos, gañou o primeiro premio Aitana Iglesias Márquez (Narón) coa mensaxe “Polos opostos”; a gañadora do segundo premio foi Sonia Varela García (Arteixo, A Coruña) pola mensaxe “Sentimento metereolóxico” e o terceiro premio recolleuno María José Chao Sánchez (Ares) pola mensaxe “Así”. Recibiron, respectivamente unha tableta 4.0 de 10,1 polgadas e 32 xigas e mais unha actividade de aventura para dúas persoas; un disco duro Toshiba Canvio Basics de 2.5 polgadas (USB 3.0, 1 TB) e unha tarxeta regalo Spotify Premium de 6 meses, amais dun diploma acreditativo e cadanseu lote de libros.

As mensaxes gañadoras, que deberon estar redactadas en lingua galega e non superar os 350 caracteres, foron elixidas polo xurado do concurso de entre as 50 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade.

O galego, lingua da xente nova e da web 2.0
O PXNLG fai fincapé no sector social da mocidade e propón obxectivos e medidas dirixidas a esta franxa de idade que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Traballo e Benestar -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüistica e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente- concretan, entre outras iniciativas, no concurso Lingua de namorar. Do mesmo xeito, a folla de ruta do Goberno galego no eido da promoción do uso da lingua propia de Galicia considera prioritario o sector das TIC.

Xuventude 2014-16, unha estratexia para a mocidade galega
A Lei de Xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, establece a promoción da lingua galega como un eixo prioritario da acción de Goberno. Ademais, o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 contempla 11 medidas para fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais, en consonancia coa aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

Comparte