Nova: A Xunta investirá 50.000 € para mellorar as condicións de conservación da ermida de Nosa Señora da Lanzada

03/11/2022

A Xunta investirá 50.000 € para mellorar as condicións de conservación da ermida de Nosa Señora da Lanzada

O responsable autonómico de Cultura anunciou que o Goberno galego ten xa listo o proxecto e que iniciará o proceso de licitación nas vindeiras semanas

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia investirá 50.000€ para mellorar as condicións de conservación da ermida de Nosa Señora da Lanzada. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no marco dunha xuntanza mantida co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, ao que informou de que o Goberno galego ten listo xa o proxecto e que iniciará o proceso de licitación nas vindeiras semanas.

 

Durante o encontro celebrado hoxe en San Caetano, o responsable autonómico de Cultura destacou o importante valor cultural e patrimonial deste inmoble. “A ermida da Nosa Señora da Lanzada é unha das estampas máis icónicas e recoñecibles do concello de Sanxenxo e a nosa obriga é garantir a súa conservación para que nos vindeiros anos continúe sendo un dos encraves máis destacados da Lanzada”, salientou Román Rodríguez.

 

Para conseguilo, nas vindeiras semanas licitaranse estas obras que contarán cunha achega de 50.000€ por parte da Administración autonómica para mellorar as condicións de conservación e accesibilidade deste inmoble.

Comparte