Nova: Novas funcións de Xardín suspenso no Salón Teatro

19/03/2015

Novas funcións de Xardín suspenso no Salón Teatro

A produción do CDG, que permanecerá en Santiago ata o 29 de marzo, represéntase o venres e sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h

Cándido Pazó dirixe este premiado drama do portugués Abel Neves, con César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos nas interpretacións

O CDG tamén está a desenvolver pases matinais para estudantes, aos que asistirán alumnos dunha decena de centros escolares de toda Galicia
 

  • ‘Xardín suspenso’ ‘Xardín suspenso’
  • ‘Xardín suspenso’ ‘Xardín suspenso’
  • ‘Xardín suspenso’ ‘Xardín suspenso’

Santiago, 19 de marzo de 2015.- ‘Xardín suspenso’, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), retoma esta fin de semana as súas funcións xerais no Salón Teatro de Santiago, sede da unidade teatral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A montaxe que dirixe Cándido Pazó a partir da obra de Abel Neves, referente da actual dramaturxia portuguesa, poderá verse ata o 29 de marzo neste espazo compostelán, onde se representa os venres e sábados, ás 20.30 horas, e os domingos, ás 18.00 horas.

Durante a estadía en Santiago desta produción, estreada o pasado día 13, a compañía pública tamén está a desenvolver unha campaña escolar a través de pases matinais concertados cunha decena de centros educativos tanto da cidade como doutros puntos de Galicia: Arzúa, Caldas, Maside, Monterroso, Padrón e Vedra.

César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos interpretan esta primeira montaxe galega do premiado drama de Abel Neves, que introduce o espectador nun labirinto de emocións arredor da cuestión de ata onde pode levar a fidelidade absoluta a un amor non correspondido.

Ademais do elenco, no equipo artístico que Cándido Pazó dirixe para o Centro Dramático Galego atopamos recoñecidos profesionais da escena galega como Carlos Alonso (escenografía e figurinismo), Manuel Riveiro (composición musical), Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (maquillaxe) e Belén Pichel (asistente de dirección). O propio Pazó asina versión galega do texto xunto a o director do CDG, Manuel Guede Oliva, mentres que Afonso Becerra de Becerreá elaborou o caderno pedagóxico que lles achega as claves desta obra aos profesores e alumnos que participan na campaña escolar.

Nun xardín zen
Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen –de area branca, desprovisto de plantas e apenas sen decoración–, que serve de metáfora do estado letárxico no que se somerxe Lucía cando Mateo anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Segundo Cándido Pazó, nesta peza pola que Abel Neves gañou en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática do ámbito lusófono, “parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos”.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para as próximas funcións de ‘Xardín suspenso’ no Salón Teatro está dispoñible no web entradas.abanca.com e na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas, mentres que os días de representación tamén se poñen á venda no propio Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da mesma. Así mesmo, os billetes poden mercarse nos devanditos teatros como parte do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido polo Concello de Santiago xunto á Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).
 

Comparte