Nova: Orixinal versión de Romeo e Xulieta, con monicreques e a Real Filharmonía de Galicia

19/03/2015

Orixinal versión de Romeo e Xulieta, con monicreques e a Real Filharmonía de Galicia

Con motivo do Día Internacional da Danza, o Museo Centro Gaiás acollerá o 25 de abril esta obra musical basada na traxedia de Shakespeare e a música descritiva do ballet do compositor ruso Sergei Prokofiev

As entradas para o espectáculo xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e en www.ataquilla.com a un prezo xeral de 5 euros
 

  • ‘Romeo e Xulieta' ‘Romeo e Xulieta'

Santiago, 19 de marzo de 2015.- O Museo Centro Gaiás acolle unha orixinal versión do Romeo e Xulieta de William Shakespeare, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia e monicreques de gran formato. Deste xeito, a Cidade da Cultura adiántase á celebración do Día Internacional da Danza ofrecendo o sábado 25 de abril unha novidosa versión dunha das traxedias máis coñecidas e admiradas de todos os tempos, ‘Romeo e Xulieta’, a través do ballet composto polo ruso Sergei Prokofiev.

A escenografía contará coa propia Real Filharmonía de Galicia, que interpretará quince pezas da música descritiva do ballet de Prokofiev mentres os monicreques se moven sobre o escenario, dándonos a cada momento a tensión dramática das escenas. Estamos ante unha obra moi visual onde a principal protagonista é a música e na que orquestra, actores e monicreques se interrelacionan ata formar unha unidade narrativa.

Romeo e Xulieta está pensado para todos os públicos a partir de 9 anos e terá lugar o 25 de abril a partir das 19 horas no Museo Centro Gaiás.

Descontos para familias e bonos 3x2
As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e en www.ataquilla.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión (6 euros en billeteira o día do espectáculo). Para este espectáculo, a Cidade da Cultura conta con varias promocións que só poderán mercarse no Punto On ou a través do teléfono de Ataquilla 902 504 500: a entrada familiar (catro entradas por 15 euros) e o bono 3x2 (tres entradas por 10 euros).

Comparte