Nova: Nexos bota a andar cunha homenaxe á figura de María Zambrano
21/03/2015
Nexos bota a andar cunha homenaxe á figura de María Zambrano
Arranca o Día Mundial da Poesía co relatorio de Ana Bundgaard sobre a figura da maior intelectual española do século XX, seguido dun concerto de guitarra clásica a cargo de Samuel Diz
Beatriz González Loroño aposta pola continuidade dun evento que busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento
Santiago, 21 de marzo de 2015.- A terceira edición do ciclo de literatura e pensamento ‘Nexos. Ciclo de cultura contemporánea’ i naugurouse cunha homenaxe á maior intelectual española do século XX: María Zambrano.
A Biblioteca e Arquivo de Galicia volveu ser o escenario dun ciclo que combina relatorios con actuacións artísticas coas que dar lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, foi a encargada de dar a benvida a esta nova edición que busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento.
González Loroño recordou que a cultura segue a ser a razón primeira do Gaiás e gabou a figura de Marcos Lorenzo, coordinador da primeira actividade cultural que tivo o Gaiás en 2011, ‘Galicia, ceo das letras’, e do actual ‘Nexos’. “Queremos abrir espazos para o intercambio de ideas e queremos ser unha plataforma para dar a coñecer o mellor de nós”, asegurou a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
A “razón poética” de María Zambrano
Esta primeira sesión de Nexos 2015 contou co relatorio de Ana Bundgaard, hispanista e catedrática da Universidade de Aarhus (Dinamarca), unha das maiores autoridades mundiais na vida e obra de María Zambrano.
Durante a súa charla, Bundgaard lembrou a figura dunha muller que pasou á historia polo seu concepto de “razón poética”, baixo o que Zambrano acuñou unha liña de pensamento que buscaba transcender os estreitos límites do racionalismo para abrirse ao enigmático, misterioso e sagrado da condición humana.
Tras ela, Samuel Diz apostou por compartir a relación de Zambrano coa música da Xeración do 27 e os seus autores –entre eles, Jesús Bal y Gay- nun fermoso concerto de guitarra clásica.
Concebido como un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, esta primeira sesión de ‘Nexos’ concluiu cun aperitivo por cortesía das Bodegas Martín Códax e os produtos Pan do Mar de Conservas Antonio Pérez Lafuente, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.
Sesión infantil paralela
Como en ocasións anteriores, ‘Nexos’ conta cunha sesión paralela para os máis pequenos –de 5 a 12 anos- basada na fórmula tripla: ler (na que os nenos farán unha aproximación ao tema a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións, debate e intercambio de ideas).
O obxectivo é introducir aos máis pequenos na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.
Nesta primeira sesión, os participantes descubriron a figura de María Zambrano a través dos seus poemas, cos que confeccionaron un mural colectivo no que deron lugar a novos versos.
18 de abril: ‘As cidades imaxinadas’
Tras esta sesión inaugural, ‘Nexos’ abordará o 18 de abril ‘As cidades imaxinadas’, unha reflexión sobre a imaxinación dos arquitectos e urbanistas á hora de concibir os nosos espazos de relación e convivencia. En lugar de relatorio, ‘Nexos’ contará cun diálogo entre os arquitectos e urbanistas galegos Xerardo Estévez e Manuel Gallego Jorreto.
Tras eles, terá lugar a proxección audiovisual ‘Imaxinarios sonoros de Compostela’, peza realizada expresamente para o ciclo no que Nacho Muñoz e Mig Seoane, na que ofrecen unha serie de micro-performances no espazo público, utilizando as rúas de Compostela e o Gaiás como un xigantesco instrumento.
A entrada, como para todas as sesións, é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal a partir do vindeiro luns, 23 de marzo.