Nova: Valentín García destaca a contribución de Fernández del Riego á lingua e literatura galegas

15/11/2022

Valentín García destaca a contribución de Fernández del Riego á lingua e literatura galegas

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do libro Con Pondal en Bergantiños, do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023

Ponteceso (A Coruña), 15 de novembro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta serán na Cova Céltica organizada pola Fundación Eduardo Pondal para presentar o libro Con Pondal en Bergantiños, de Francisco Fernández del Riego e editado por Galaxia. Con este traballo a editorial galega inaugura a Biblioteca Francisco Fernández del Riego, que irá sumando títulos ao largo do 2023, ano no se que dedican as letras galegas ao autor de Lourenzá.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou que neste libro “conflúen dous grandes da lingua e da cultura galega: Eduardo Pondal e Francisco Fernández del Riego”. Valentín García saudou que con esta obra “se abra unha colección dedicada a don Paco precisamente o ano en que se lle dedicará o Día das Letras Galegas, pois a súa obra e a súa contribución ao desenvolvemento da nosa lingua, da nosa literatura, da nosa cultura, non son abondo coñecidos nin recoñecidos a pesar da súa importancia capital, e estou seguro de que a Biblioteca Francisco Fernández del Riego contribuirá de maneira decisiva a corrixir esta inxustiza”.

Canda Valentín García, na presentación, moderada por Diana Varela Puñal, tamén interviron Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, e Xosé Manuel Varela, editor literario.

En Con Pondal en Bergantiños, del Riego fai un percorrido pola vida e obra do autor de Queixumes dos pinos, natural da Comarca de Bergantiños. Porque aínda que non coexistiron no tempo –cando Eduardo Pondal morreu Francisco apenas tiña catro anos- a súa escrita cruzouse innumerables veces ao longo do camiño de del Riego, quen converteu o escritor do Rexurdimento no seu maior referente.

Figuras das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) foi unha das personalidades de referencia na historia do galeguismo e da cultura galega do século XX. Fundador, entre outros, da Editorial Galaxia, da que chegou a ser director xerente, compartiu tamén a dirección da revista Grial co intelectual Ramón Piñeiro durante os seus primeiros 100 números. Figura elixida para homenaxear nas Letras Galegas 2023, del Riego foi ademais presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001, así como director da Fundación Penzol desde a súa fundación ata 2009.

Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada na cultura e na literatura galegas, da que forman parte títulos como Escolma de poesía galega: os contemporáneos (1955), Manual de historia da literatura galega (1971), O cego de Pumardedón ou Xeración Galaxia (1996).

 

Comparte