Nova: A Xunta leva investidos máis de 650.000€ na rehabilitación do colexio do Cardeal de Monforte desde o inicio da declaración de Ben de Interese Cultural

18/11/2022

A Xunta leva investidos máis de 650.000€ na rehabilitación do colexio do Cardeal de Monforte desde o inicio da declaración de Ben de Interese Cultural

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, explica na xornada ‘Un exemplo de educación patrimonial’ que a Consellería de Cultura impulsou nos últimos anos unha ducia de actuacións na igrexa, claustro e zonas de visitas



Actualmente o Goberno galego está traballando en diversos bens artísticos tras rematar nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e de San Xosé de Calasanz



Este monumento, incluído na paisaxe cultural da Ribeira Sacra, é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia

 

 Monforte de Lemos (Lugo), 18 de novembro de 2022  A Xunta de Galicia leva investidos máis de 650.000€ na posta en valor e conservación do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos desde que se iniciaron os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural, incoado en 2019 e declarado en 2021. Así o explicou hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, durante a xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos, Lugo). Un exemplo de educación patrimonial organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.

 

Na súa intervención, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou o “firme compromiso” do seu departamento para “garantir o futuro dun inmoble clave para a paisaxe cultural da Ribeira Sacra e para comprender a historia deste municipio e o desenvolvemento do Renacemento en Galicia”. Neste senso, precisou que nos últimos anos o Goberno galego impulsou unha ducia de actuacións tanto na igrexa, claustro e zonas de visitas como para restaurar os diversos bens artísticos que atesoura o inmoble.

 

Contratación en marcha

Así mesmo, explicou que actualmente a Administración autonómica ten en marcha a licitación da restauración do retablo das Reliquias, no que investirá máis de 110.000€. O obxectivo desta actuación é reparar as patoloxías que presenta este ben artístico e solucionar os problemas estruturais. Para iso, os traballos incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.

 

Esta actuación súmase á que se está levando a cabo actualmente en diversos bens artísticos ou a que se vén de rematar nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e de San Xosé de Calasanz. Ademais, o Goberno galego tamén acaba de completar as obras de conservación da estrutura na igrexa, o claustro e as áreas de visita pública para resolver as afeccións que sufría o inmoble a raíz do terremoto de Lisboa de 1755 que provocou gretas que, aínda que non comprometían á estabilidade das bóvedas, era preciso corrixir.

 

Valor cultural do museo

O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía, é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

 

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba

Comparte