Nova: A Xunta apoia as ‘Xornadas Florenciófilas’, que pechan en Valdeorras o ano das Letras dedicado á figura de Delgado Gurriarán
18/11/2022
A Xunta apoia as ‘Xornadas Florenciófilas’, que pechan en Valdeorras o ano das Letras dedicado á figura de Delgado Gurriarán
O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura deste simposio que reunirá na comarca unha ducia de personalidades da cultura galega desde hoxe ata o domingo 20
Divididas en catro temáticas -literaria, histórica, lingüística e artística- as xornadas serán de acceso libre e rematarán cunha degustación de produtos típicos da terra
A Rúa (Ourense), 17 de novembro de 2022
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na inauguración das Xornadas Florenciófilas, organizadas desde o proxecto As letras de Florencio co apoio da Xunta, a Real Academia Galega (RAG), a Deputación de Ourense, o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto de Estudos Valdeorreses e os concellos da comarca de Valdeorras. Con este simposio, que reunirá durante a fin de semana a 12 expertos en investigación e na cultura e lingua galegas, comezan os actos que porán peche ao ano das Letras de Florencio Delgado Gurriarán, que cede o testemuño este 2023 a Francisco Fernández del Riego.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que “con Florencio Delgado Gurriarán rendémoslle homenaxe tamén ás persoas que levaron consigo ao exilio, e alí mantiveron e defenderon, a lingua galega, e, como non, tamén ás terras de Valdeorras das que a súa poesía nos fala con frecuencia”.
Canda Valentín García tamén interviñeron neste acto inaugural, que tivo lugar no Centro Cultural Avenida da Rúa, Álvaro José Fernández, o alcalde do dito concello; Víctor F. Freixanes e Xesús Alonso Montero, presidente e expresidente da RAG; Xosé Ramón Pena, doutor en filoloxía galega, e Débora Moldes, directora do proxecto As letras de Florencio.
Despedindo o ano de Florencio
As Xornadas Florenciófilas terán lugar entre hoxe e o domingo en catro puntos da comarca de Valdeorras: A Rúa, Petín, O Barco e Rubiá.
Divididas en catro bloques temáticos, o primeiro deles, a chamada mesa literaria, tivo lugar este serán a continuación do acto inaugural e nela participaron Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Pena, autores estes dous últimos de dúas antoloxías sobre Florencio Delgado Gurriarán publicadas este mesmo ano.
O programa seguirá este sábado 19 coa mesa da historia, que terá lugar no Teleclub de Petín ás 12,00 h coa participación de Telmo Fernándes, licenciado en Historia; Aurora Marco, catedrática de Didáctica da Lingua, e Camilo Valdehorras, doutor en Filoloxía Románica, para falar do exilio e da posguerra vividos por Delgado Gurriarán. Xa pola tarde, a Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, acollerá a mesa da lingua, na que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Concepción Álvarez, doutora en Filoloxía Galega, e Francisco Cobo, investigador barquense, analizarán a obra do escritor do Córgomo.
O simposio concluirá finalmente a mañá do domingo cunha mesa das artes que acollerá o centro de interpretación do parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá. Para esta última charla, a actriz Raquel Queizás, o produtor Domingo D. Docampo e o músico Ramiro Núñez falarán das distintas adaptacións da vida e obra de Florencio a diferentes soportes e formatos como o teatro, o audiovisual ou a música.
A asistencia ás xornadas é de balde e de libre acceso ata encher a cabida dos locais. Ademais, ao rematar cada unha das mesas, os asistentes poderán gozar dunha degustación dos produtos gastronómicos máis representativos da comarca de Valdeorras.
A programación completa pode consultarse na axenda do Portal da Lingua Galega.