Nova: Os traballos da Xunta no Castro de Santa María de Cervantes sacan á luz restos de varios muros

20/11/2022

Os traballos da Xunta no Castro de Santa María de Cervantes sacan á luz restos de varios muros

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, participa na visita guiada para explicar o resultado da actuación realizada este outono

 

Os elementos detectados forman parte dunha gran estrutura no lado sur e reflicten a envergadura da obra de contención realizada para a construción do castro

 

Este conxunto arqueolóxico foi declarado BIC en 2019 e é un dos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva investidos desde entón 34.000€ na súa investigación e mantemento

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022 A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, participou hoxe na visita guiada á escavación arqueolóxica do Castro de Santa María de Cervantes na que os técnicos explicaron o resultado dos últimos traballos impulsados pola Xunta de Galicia neste conxunto. Trátase dunha actuación posta en marcha o pasado mes de outubro que permitiu sacar á luz restos de varios muros no lado sur do xacemento.

 

Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, nesta última campaña o equipo de especialistas localizou a existencia de varios elementos murarios superpostos sobre un gran afloramento rochoso. Segundo os primeiros resultados, estes muros forman parte dunha enorme estrutura de delimitación do recinto polo lado sur. “Estes novos achados reflicten a gran envergadura da obra de contención que se fixo durante a construción do castro de Santa María de Cervantes, o que permite aumentar o noso coñecemento sobre este conxunto e mellorar a súa conservación e posta en valor”, subliñou.

 

Ademais desta escavación, os traballos realizados durante esta última campaña, que contaron cun orzamento de 17.800 euros, tamén incluíron a limpeza manual e a consolidación puntual dos restos arqueolóxicos escavados nos anos 90 nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados entre os que se atopan muros, pavimentos e outras estruturas. Ademais, realizáronse traballos de roza na contorna do xacemento.

 

Características do conxunto

O xacemento do Castro de Santa María de Cervantes é un dos conxuntos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia. Corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era e está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

 

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.

 

O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019 e, desde entón, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva investidos preto de 34.000 euros na súa investigación e mantemento.

 

Comparte