Nova: A Xunta colabora na catalogación e dixitalización de fondos documentais e bibliográficos da Fundación Vicente Risco

26/11/2022

A Xunta colabora na catalogación e dixitalización de fondos documentais e bibliográficos da Fundación Vicente Risco

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña a importancia científica e académica de documentos como manuscritos, correspondencia ou fotografías de Vicente Risco e do seu fillo Antón

Allariz (Ourense), 26 de novembro de 2022.- A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Vicente Risco no proceso de catalogación e dixitalización de fondos documentais e bibliográficos de Vicente Risco e do seu fillo Antón Risco co obxectivo de poñelos á disposición da comunidade científica e académica.

 

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación deste traballo, nun acto no que tamén interveu a presidenta da Fundación, Celia Pereira, acompañada de membros do padroado da entidade.

 

O responsable do departamento de Cultura da Xunta subliñou a importancia da recuperación destes fondos que abranguen manuscritos, correspondencia, fotografías e documentación familiar entre outros, que pertencían a Vicente e Antón Risco. Anxo M. Lorenzo destacou o complexo proceso de catalogación e dixitalización, tanto pola variedade de fondos como polo seu estado de conservación e lembrou que o proxecto de memoria dixital foi apoiado polo Goberno galego cunha achega de 78.000€. A meirande parte dos documentos proceden de Canadá, onde residiu Antón Risco, e algúns mesmo datan da Idade Media.

 

Tamén gabou o traballo da Fundación -que conta cunha achega anual de 10.000€ da Xunta ao abeiro da convocatoria de axudas de arquivos- para actualizar un repositorio onde se poidan consultar todos os documentos categorizados e dixitalizados, con calidade suficiente para o seu estudo.

Comparte