Nova: Román Rodríguez anuncia o inicio dos trámites para declarar BIC o conxunto arquitectónico de Barcia de Mera
28/11/2022
Román Rodríguez anuncia o inicio dos trámites para declarar BIC o conxunto arquitectónico de Barcia de Mera
A incoación, que permitirá ao Concello acollerse a axudas para a súa rehabilitación, abrangue a igrexa parroquial, a casa reitoral e os espazos anexos
O conselleiro tamén se desprazou a Crecente para visitar o colexio Manuel Sieiro, onde a Xunta acomete a cuberta do patio da zona infantil
Segundo avanzou o conselleiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta ten listo para publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución de incoación da declaración BIC deste conxunto parroquial, con categoría de monumento, e deste xeito “recoñecer o seu valor histórico, arquitectónico, artístico e etnolóxico”.
Tal e como explicou, a declaración BIC “é o primeiro paso da folla de ruta” para este conxunto xa que, posteriormente, a Xunta vai participar na redacción do proxecto no que se definan os seus usos e, despois, o Concello poida acollerse ao 1,5% Cultural para acometer a rehabilitación do inmoble.
A declaración abrangue a igrexa parroquial, a casa reitoral, as construcións adxectivas e os espazos vencellados a estas, o adro da igrexa e o igrexario. Tamén se inclúen os bens mobles pertencentes ao conxunto monumental.
No informe elaborado polos técnicos de Patrimonio Cultural destácase que Barcia de Mera é un dos conxuntos barrocos máis excepcionais tanto pola súa calidade artística como arquitectónica.
De xeito simultáneo ao proceso de incoación como BIC, desenvólvese o procedemento para incluílo no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia a efectos de comunicación para a súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.
Patio cuberto no CEIP Manuel Sieiro
Posteriormente o conselleiro trasladouse a Crecente para visitar o colexio plurilingüe Manuel Sieiro, onde a Xunta de Galicia financia a construción da cuberta para o patio da zona de infantil. Na visita, na que estivo acompañado do alcalde da localidade, Julio César García-Luengo, Román Rodríguez salientou a importancia desta obra para o confort dos nenos, xa que disporán dunhas instalacións axeitadas para os días de choiva.
Esta obras, que se desenvolven ao abeiro dun convenio con Concello de Crecente, supón un investimento de máis de 48.000 euros. A actuación supoñe colocar unha estrutura metálica sobre a que se apoiará unha cuberta de 124 metros cadrados formada por papeis de policarbonato.
Así mesmo, o interior do patio iluminarase con catro novos puntos de luz con pantallas led, mellorarase o pavimento do chan coa dotación dun solo de caucho.