Nova: Os traballos da Xunta no xacemento de Outeiro Grande en Lalín sacan á luz indicios da posible estrutura orixinal do recinto

30/11/2022

Os traballos da Xunta no xacemento de Outeiro Grande en Lalín sacan á luz indicios da posible estrutura orixinal do recinto

Os investigadores localizaron restos de madeira carbonizada que, tendo en conta a súa posición, podería corresponderse coa estrutura orixinal ou con posibles actividades realizadas sobre o anel de pedra

 

Tamén se documentou unha nova mámoa a escasos metros que pasará a ser incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

 

Os resultados da actuación presentaranse o sábado nunha visita comentada que partirá da carballeira de Bermés ás 11,00 horas

 

A intervención dá continuidade á levada a cabo o pasado ano e eleva o investimento da Consellería de Cultura neste espazo arqueolóxico a mais de 22.500 €

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022 Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento de Outeiro Grande, en Lalín, veñen de sacar á luz restos de madeira carbonizada que, segundo os primeiros estudos, podería corresponderse con parte da estrutura orixinal do recinto ou con posibles actividades realizadas sobre o anel de pedra. Así se desprende das conclusións desta actuación que se presentarán o sábado nunha visita comentada que partirá da carballeira de Bermés ás 11,00 horas.

 

Así, no marco da actuación que vén de rematar documentáronse dous niveis diferentes de grandes fragmentos de carbón que os arqueólogos interpretan como madeira carbonizada. Trátase de restos que aparecen en posición horizontal, apoiados na terra, en sentido transversal á estrutura pétrea e que non se localizan de xeito habitual polo que poden axudar a obter gran cantidade de información sobre as posibles actividades realizadas neste xacemento.

 

Ademais, no transcurso dos traballos tamén se localizou unha nova mámoa a escasos metros que pasará a estar incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e restos cerámicos e líticos só no espazo interior do recinto o que, segundo os expertos, pode ser significativo de que a función deste xacemento non é residencial.

 

Cómpre lembrar que esta intervención dá continuidade á levada a cabo o pasado ano neste espazo e eleva o investimento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no xacemento de Outeiro Grande a máis de 22.500€. Ademais, encádrase no compromiso do Goberno galego coa investigación e posta en valor do noso pasado que se reflicte na trintena de actuacións postas en marcha nos últimos meses en xacementos arqueolóxicos.

 

O de Outeiro Grande é un xacemento dunha tipoloxía aínda moi pouco coñecida e estudada en Galicia, dado o recente que é o descubrimento e catalogación destes recintos na investigación arqueolóxica. Trátase dun tipo de sistema construtivo en planta circular que, ata onde coñecen os expertos, non foron pensados nin usados como espazos para vivir, senón que terían outro tipo de funcións máis relacionadas co mundo simbólico, como poderían ser zonas funerarias ou rituais.

 

Importante interese científico

Na primeira campaña púidose documentar o sistema construtivo básico do recinto, así como obter unha boa cantidade de pezas arqueolóxicas (cerámicas e líticos) que poderán, a través do seu estudo, axudar a entender a función deste lugar. Esta escavación permitiu tamén obter as primeiras datacións, que foron o aspecto máis sorprendente da mesma, ao estar situadas ao longo da Idade do Ferro, sendo este o único xacemento desta tipoloxía con esta datación. Estes datos sitúan a Outeiro Grande nun momento diferente da Prehistoria e abre novas posibilidades de estudo.

 

Nesta liña, o interese científico de Outeiro Grande é enorme, por unha banda ao ter datacións de época castrexa, e por outra ao ser estas moi amplas no tempo, indo desde os momentos de transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro (séculos X-IX a. C.) ata a os séculos IV-II a. C., co que deixan aberta a posibilidade dun uso estendido no tempo, ou de varias fases de uso distintas.

 

Comparte